Plan de actividades 2012

A elaboración deste Plan, que comprende as principais liñas de traballo e actuacións técnicas que desenvolverá o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) durante o ano 2012, circunscríbese ao seu carácter de órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, tal como o define a Lei 14/2007 que o crea e regula, e debe cinguirse aos fins e funcións que lle asigna no seu artigo 4. O cumprimento de ditas funcións marca unha liña de continuidade en moitas das actividades reflectidas neste documento, fundamentalmente, naquelas que se definen como de carácter permanente.

Marcan tamén certo grao de continuidade os programas de carácter plurianual xa iniciados, e que pola súa extensión ou complexidade precisan de máis dun exercicio para seren finalizados axeitadamente. Consolídanse as novas liñas de traballo abordadas en 2011, ano no que se comezaron a desenvolver actividades relacionadas coa ergonomía e a psicosocioloxía laboral. Tamén se comezan a concretar as colaboracións institucionais perfiladas o ano pasado, especialmente no eido da saúde laboral.

Por outra banda como órgano encargado da xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo, ten unha implicación directa no cumprimento do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, cuxos obxectivos e liñas inspiran unha parte importante das actuacións do ISSGA para 2012.

Un condicionante importante desta planificación é a dispoñibilidade de recursos económicos, que dada a situación xeral, e a particular da administración autonómica, vense forzosamente minorados, especialmente no Capítulo VI, que é o correspondente aos investimentos, tanto materiais como inmateriais, que serven de apoio ao desenvolvemento das actividades do Instituto. Esta rebaixa orzamentaria non debe supoñer perdas, nin da calidade nin da cantidade das actuacións deste organismo: eficiencia é o termo que define esta filosofía, que debe impregnar a actividade do ISSGA como organismo e a de todo o seu persoal; só deste xeito será posible manter o nivel técnico e o prestixio acadado e consolidado polo ISSGA.

Na procura dunha maior eficiencia, será necesario incrementar as liñas de colaboración, xa numerosas, que o Instituto ten establecidas con outros axentes e organismos para xuntar esforzos e propiciar sinexias que rendan máis e mellores resultados cos recursos a disposición. Unha destas liñas de colaboración é a que establece a participación do ISSGA no primeiro programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014 referida na actividade DFS 8. Esta colaboración, que se instrumenta mediante un convenio asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos Plans de zona das zonas rurais, e consistirá na execución de actividades de información e formación dos traballadores do sector primario do ámbito rural, suporá, de se materializar, unha aportación de fondos finalistas do Estado que poderán engadirse ao Capítulo VI, de xeito que se acade unha cifra parella á do ano 2011. Á hora de redactar este documento, a sinatura do Convenio mencionado foi aprobada polo Consello da Xunta, pero aínda non se formalizou.

As premisas que se definiron en 2011 como base para a planificación das actividades técnicas do ISSGA seguen a ser, basicamente as mesmas, matizadas polas consideración arriba expostas:

• A cinscunscrición aos fins e funcións, que a Lei 14/2007 define nos seus artigos 3 e 4.
• O cumprimento dos obxectivos e accións definidos polo Plan Estratéxico para a PRL en Galicia 2011-2014. 
• Os recursos humanos e materiais dispoñibles, tanto propios como os que procedan de colaboracións con outros axentes, que delimitarán a súa capacidade de obrar.
• As necesidades propias do organismo, na procura da mellora da súa xestión e resultados, e da potenciación do seu papel como órgano coordinador das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma.
• A eficiencia como criterio necesario nas circunstancias socioeconómicas e laborais actuais.
• A consolidación das accións emprendidas o pasado ano fronte a factores de risco antes pouco considerados..
• As actividades xa iniciadas de carácter plurianual, ou as anuais que interesa prolongar no tempo, en función do seu impacto e eficacia.
• A existencia de actividades non programables, que é consecuencia da propia natureza da labor que desenvolve o ISSGA, ao actuar nos casos de accidente, ou ao atender a demandas e requirimentos doutros organismos ou dos axentes sociais. 
• A aparición de normativa e de criterios técnicos novos. 
• O estado actual xeral da PRL, a adaptación aos cambios e ao progreso técnico que se produzan neste eido.
• As necesidades e demandas da sociedade en xeral, dos axentes sociais, e das empresas e os seus traballadores e traballadoras en concreto.

Dado que as dúas primeiras enmarcan e delimitan as actividades contidas neste Plan, inclúense ao final do documento como anexos.

Plan de actividades 2012