Guía técnica ISSGA - Prevención de riscos laborais. Sector naval

A construción e reparación de buques na Comunidade galega, e en especial na provincia de Pontevedra, constitúe unha das actividades laborais máis importantes, tanto dende o punto de vista económico como laboral, coa conseguinte xeración de postos de traballo, ben directos nos estaleiros e peiraos de reparación, ben indirectos nas numerosas empresas que fabrican elementos ou equipos para o propio barco.

A construción e reparación naval, que se considera un subsector dentro do sector metalúrxico, ten unha implantación considerable dende o punto de vista industrial coa conseguinte xeración de riscos laborais, que é necesario eliminar ou controlar para evitar danos sobre os traballadores.

O obxecto deste tratado non é outro que identificar estes riscos e o xeito de poder eliminalos ou controlalos.

O tratado está dirixido aos profesionais da seguridade e a saúde que dun ou doutro xeito deben abordar a prevención dos riscos laborais desta actividade tan característica.

Posúe unha orientación eminentemente técnica na que se outorgou unha especial relevancia a aqueles aspectos que presentan unha maior falta de concreción lexislativa, polo que se incluíu abundante información, que é reflexo das opinións e criterios dos seus autores.

Este traballo é o resultado da experiencia que na Comunidade galega fomos adquirindo, en canto se refire aos riscos derivados dos traballos de construción e reparación naval e aos métodos de traballo empregados, os cales resultaron ser os máis axeitados para previlos ou controlalos.

Algúns dos seus capítulos propoñen procedementos ou métodos de traballo que son froito de acordos alcanzados en mesas de negociación e comités técnicos de traballo galegos, como a Comisión para a Prevención de Riscos Laborais no Sector Naval, a Mesa de Seguimento de Riscos Laborais no Sector Naval, ou a Mesa Técnica de Rande, entre outras; así como as medidas de control e protección propostas nas conclusións que periodicamente se extraen no Foro Galego de Seguridade e Saúde Laboral no Sector Metalúrxico.

Este foro foi constituído no ano 2004 e está integrado por técnicos e especialistas en prevención de riscos laborais, pertencentes aos sindicatos CIG (Confederación Intersindical Galega), CCOO (Comisións Obreiras) e UGT (Unión Xeral de Traballadores), pola patronal metalúrxica galega ASIME e pola Administración, concretamente do ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) e tendo como principal labor, a través de catro mesas permanentes (Integración da Prevención de Riscos Laborais na empresa, Vixilancia da Saúde, Formación en Prevención de Riscos Laborais e Traballos en Altura), funcionar como un observatorio da situación actual no panorama da prevención no sector metalúrxico e, a través das propostas que xorden nos seus encontros, tratar de buscar solucións eficaces aos problemas formulados polas mesmas.

Trátase, polo tanto, dun estudo cun marcado carácter técnico e froito do diálogo coas partes interesadas (Administración e axentes sociais) xa que, o único camiño eficaz para rematar coa eiva que supón a sinistralidade laboral, pasa pola adopción de acordos conxuntos e a adopción progresiva dunha auténtica cultura preventiva no sector.

Guía técnica ISSGA - Prevención de riscos laborais. Sector naval
Documentación