Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro

Galicia, xunto con Asturias, Cantabria e Euskadi, veñen de editar a primeira fase dunha guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro.

Por isto, estas catro comunidades, que suman 2.400 kilómetros de litoral (a Galicia correspóndenlle 1.500), decidiron lanzar unha guía específica de vixilancia da saúde para cada tipo de actividade dentro do propio sector (pesca de baixura e artesanal, marisqueo a pé, gran altura e actividades auxiliares). Esta primeira corresponde ao colectivo das flotas de baixura e artesanal, porque son as áreas que empregan a un maior número de persoas e se trata probablemente do ámbito no que menos se ten desenvolto un sistema de prevención da saúde, debido, entre outras cousas, a que a maioría son autónomos.

Na guía, realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos do traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral das catro comunidades, tivéronse en conta dez especialidades, tales como seus riscos asociados concretos, a súa atención específica en materia de prevención, ou os perigos de cada posto de traballo e de cada tarefa que aborda o traballador, seguindo os principios da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Trátase dun manual moi especializado que concreta os riscos inherentes a cada traballador segundo a modalidade de pesca, seu posto ou as tarefas que desenvolve e, a partir de ahí, a guía establece os protocolos médicos e as probas específicas para facer fronte aos riscos.

Nunha serie de fichas están analizados os posibles danos para a saúde e as probas médicas que se recomenda realizar en relación aos riscos ergonómicos, hixiénicos, físicos, químicos e psicosociais que entraña cada posto.

O obxectivo da mesma é ofrecer unha correcta orientación e instrumentos para implantar de xeito específico e individual a vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro, así como contar con instrumentos para a detección de enfermidades profesionais relacionadas co traballo no sector e para facilitar a avaliación dos riscos, así como para subliñar a necesidade de establecer os mecanismos que faciliten a coordinación entre os diversos axentes involucrados na vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro.

Contido da guía

A primeira parte da guía recolle os conceptos derivados da Lei de Prevención de Riscos Laborais tal e como se recollen no Libro Branco da Vixilancia da Saúde dos Traballadores, adaptándoos ao sector pesqueiro.

Na segunda, preséntase unha matriz de fases, tarefas e subtarefas e perigos para cada unha das modalidades de pesca analizadas. Estas matrices recollen de maneira detallada todo o proceso de traballo que realizan os tripulantes do barco, desde que comeza no porto ata que finaliza nel, navegando e faenando. Como resultado ofrécese unha descrición detallada, un mapa, onde se mostran o posto de traballo e os perigos asociados a este. Cada barco, posteriormente, deberá avaliar o risco de forma concreta e propoñer medidas preventivas máis axeitadas para evitalo ou minimizalo.

O terceiro apartado parte da descrición detallada do posto de traballo, tal e como se deriva das matrices de fases, tarefas, subtarefas e perigos, e orienta sobre os protocolos médicos e probas específicas aplicables na vixilancia individual da saúde dos traballadores en caso de que os perigos se manifesten xa como riscos.

No caso da muller embarazada, que deu a luz ou se atopa en período de lactación, achéganse unha serie de táboas que permiten introducir este aspecto na avaliación de riscos para axudar ao médico do traballo a emitir recomendacións sobre adaptación do posto de traballo, cambio de posto a outro sen risco ou, cando ningunha destas fórmulas sexa posible, informar en relación á suspensión de contrato por risco durante este período.

A guía inclúe ao final un pequeno glosario, para que quen non estea familiarizado coa terminoloxía do sector poida interpretala con maior facilidade.

España conta con preto de 40.000 traballadores dados de alta no réxime especial do mar, dos que mais de 19.000, isto é preto do 50%, o fan nestas catro comunidades. Ademais en Galicia hai 7.600 afiliados ao réxime especial que traballan na pesca costeira e de baixura.

A flota total destas catro comunidades é de 5.968, deste xeito, Galicia conta con 5.198 buques, fronte ao 339 de Asturias, 168 de Cantabria e 263 do Pais Vasco. O 80% dos de Galicia son barcos pequenos, dedicados á pesca de baixura e artesanal.

As versións en galego e castelán da guía en formato pdf están dispoñibles no seguinte arquivo, mentres que para a descarga da aplicación interactiva ten que premer na ligazón e seleccinar o arquivo index.exe.

Nos vindeiros días porase a disposición dos interesados a aplicación interactiva da guía en éuscaro.

Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro