O oficio de redeira ten un peso moi relevante en Galicia, non soamente en canto á súa vinculación co sector da pesca senón na propia imaxe turística da nosa CCAA.
O punto de partida desta guía de boas prácticas foi o estudo médico epidemiolóxico realizado polo ISSGA no ano 2012 nas redeiras, no que participaron 112 profesionais das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Esta busca de coñecemento acerca dos danos para a saúde das traballadoras facilitou as claves para abordar as patoloxías máis prevalentes e os seus factores determinantes.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), consciente e coñecedor dos riscos desta actividade desenvolvida case en exclusividade por mulleres, traballadoras autónomas e ás que lles corresponde protexer e coidar a súa saúde laboral, executa a segunda parte do compromiso adquirido co sector con esta guía. A súa finalidade é proporcionar unha ferramenta para mellorar a súa saúde laboral coa obligación de seguir estudando e traballando en pro da mellora das súas condicións de traballo.
A información foi obtida de quen mellor coñece o oficio, “as redeiras“, elas indicaron os seus problemas máis frecuentes, a descrición das tarefas que desempeñan segundo o tipo de aparello co que traballan, a organización do traballo, etc. Queda para os profesionais da medicina do traballo, a análise dos riscos na súa actividade, a identificación e diagnóstico das patoloxías e o establecemento da relación ou asociación causal entre ambos os dous. As máis frecuentemente detectadas foron os trastornos músculo esqueléticos (TME) cuxa orixe está na carga física asociada ao traballo, á que se suma as condicións de traballo (frío, calor): movementos repetitivos, posturas forzadas e mantidas no tempo, manipulación de cargas e aplicación de forzas.
Esperamos ter cumprido o obxectivo formulado e que se consiga mellorar a protección da saúde do colectivo.

- Documentación