Novas

Xoves, Xaneiro 09, 2014

Xunta e Inspección de Traballo realizarán 37.000 actuacións en 2014 para previr os riscos laborais e controlar o fraude no emprego

  • A Consellería de Traballo e Benestar seguirá a colaborar coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, dependente do Estado, para velar polo cumprimento das normas e as boas prácticas das empresas e traballadores no eido laboral
  • A seguridade e saúde laboral continuará tendo carácter prioritario co desenvolvemento de máis de 6.800 ordes de servizo
  • Reeditarase o plan autonómico contra o emprego non declarado de Galicia e volverase a realizar unha campaña de control de cumprimento das condicións dos ERES, en especial, nos de suspensión e redución de xornada 

 

A Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, dependente do Estado, vén de programar as actuacións conxuntas que levarán a cabo de cara ao próximo ano co fin de velar polo cumprimento da normativa do eido laboral. En total, Xunta e Estado colaborarán para levar a cabo máis de 37.000 actuacións que se centrarán en tres ámbitos principalmente: a prevención de riscos laborais, o emprego e as relacións laborais, e a seguridade social e economía irregular

As áreas onde as competencias fundamentalmente corresponden á Administración autonómica son as dos dous primeiros eixos, que representan un 35 por cento do total de ordes de servizo previstas.

Deste xeito, a seguridade e saúde laboral dos traballadores e traballadoras galegos seguirá a ter carácter prioritario coa previsión en 2014 de levar a cabo máis de 6.800 actuacións neste ámbito, situándose as máis relevantes na vixilancia das condicións técnicas e obrigas legais en obras de construción. Ao respecto, continuarase coa campaña de seguimento nas grandes obras.

Prevención na pesca
Ademais, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Inspección de Traballo seguirán coas campañas de prevención no sector da pesca, como ‘Vixía’ ou ‘Segumar’, e coa de comprobación dos riscos musculoesqueléticos.

Así mesmo, resaltarán en 2014 as iniciativas dirixidas aos sectores expostos ao sílice cristalina ou que manipulan axentes químicos, ao tempo que se intensificará o labor de inspección naquelas pequenas e medianas empresas que aínda non implantaron plenamente medidas preventivas nos seus centros de traballo. Prestarase tamén especial atención a vixiar e controlar os servizos de prevención e seguirase coa investigación das enfermidades profesionais.

Control dos ERES
Con respecto ao segundo eixo, o de emprego e relacións laborais, levaranse a cabo máis de 6.200 actuacións encamiñadas a controlar os posibles casos de fraude na contratación, procurando, por exemplo, a conversión de contratos temporais en indefinidos, cando o uso da modalidade contractual temporal non se axuste ao marco normativo vixente. Tamén se vixiará o cumprimento da Lei na subcontratación no sector da construción e na integración laboral das persoas con discapacidade.

Así mesmo, desenvolveranse actuacións en materia de xornada de traballo, horas extraordinarias e descansos e no apartado dos Expedientes de Regulamento de Emprego (ERES) reeditarase a campaña de seguimento en control do cumprimento das condicións dos mesmos, en especial, nos de suspensión e redución de xornada.

Por outra banda, e tamén neste ámbito, planificaranse inspeccións para vixiar a igualdade efectiva entre mulleres e homes e seguirase prestando especial atención ás axudas de fomento do emprego concedidas pola Xunta para a creación de empresas ou postos de traballo, así como os contratos programa para a execución de plans formativos.

Economía irregular
No ámbito da seguridade social e economía irregular realizaranse preto de 23.000 ordes de servizo. Neste eixo, a Consellería de Traballo e Benestar seguirá a levar a cabo o plan autonómico contra o emprego non declarado en Galicia, que realiza en coordinación co Estado. Esta campaña está dirixida a reforzar as inspeccións para detectar faltas de alta na Seguridade Social e loitar fundamentalmente contra o fraude de prestacións no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Por último, ademais destas 36.000 ordes de servizo, ao longo do ano faranse un total de 1.550 actuacións máis a través de campañas específicas que se irán determinado durante o exercicio.