Novas

Venres, Xuño 10, 2011

Unha guía de boas prácticas axudará a previr riscos laborais no sector eléctrico

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou onte en Lugo a “Guía de Boas Prácticas en Prevención de Riscos Laborais no sector eléctrico”.

Inclúe contidos, eminentemente prácticos, que analizan os danos producidos polo risco eléctrico, recompilan os conceptos e medidas preventivas e ofrecen pautas de actuación en situacións de emerxencia.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de publicar unha nova edición para Lugo dunha guía de boas prácticas que axudará a previr riscos laborais no sector eléctrico dunha maneira sinxela e asequible.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou onte a mesma no transcurso dunha xornada celebrada na Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións de Lugo (APIEL), na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e polo presidente da APIEL, Ramón Campos.

A “Guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais no sector eléctrico” é a primeira que se publica destas características, e está dirixida, con carácter xeral, aos profesionais do sector eléctrico e de telecomunicacións; e tamén a todos aqueles que, no desenvolvemento dalgún tipo de manobra con instalacións eléctricas, estean expostos a algún risco de orixe eléctrica.

Quinzá-Torroja indicou que “se trata dunha publicación innovadora polo seu estilo sinxelo e asequible, cuns contidos eminentemente prácticos, que analizan os danos producidos polo risco eléctrico, recompilan os conceptos e medidas preventivas e ofrecen pautas de actuación en situacións de emerxencia”. A publicación inclúe, asemade, un decálogo de boas prácticas para un exercicio laboral máis seguro.

O ISSGA editou a finais do pasado ano en colaboración coa Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións da Coruña (ASINEC) a “Guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais no sector eléctrico”. Esta manual tivo unha grande acollida entre as máis de 350 empresas e 3.000 traballadores desta Asociación.

Logo deste éxito, a Federación Galega de Asociacións de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL) –formada por ASINEC; por APIEL e por INSTALECTRO (Asociación Autónoma de Empresarios de Instalacións e Reparacións Eléctricas e de Telecomunicacións de Ourense)- colaborou co ISSGA e ASINEC para a publicación dunha nova edición que achegue esta guía ás súas empresas e traballadores asociados.

A distribución da “Guía de boas prácticas en prevención de riscos laborais no sector eléctrico” farase ao conxunto de 266 empresas asociadas a APIEL e INSTALECTRO, así como ás asociacións que forman parte da federación nacional, que contarán cunha guía que presenta unha recompilación de conceptos e recomendacións dun xeito práctico, directo e comprensible, que axude a mellorar as condición de traballo no sector.

A elaboración deste material divulgativo, que formará parte do fondo documental do ISGGA, e que persegue promover e fomentar a formación dos axentes implicados na prevención, enmárcanse no establecido no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e no Plan de Actuación do ISSGA para o 2011.