Novas

Mércores, Abril 27, 2011

Traballo desenvolve máis de 20 medidas novidosas para facilitar ás empresas o investimento en prevención de riscos laborais

Traballo desenvolve máis de 20 medidas novidosas para facilitar ás empresas o investimento en prevención de riscos laborais
  •  A conselleira de Traballo e Benestar inaugurou hoxe a xornada sobre ‘Novidades Técnicas e Normativas en materia de seguridade e saúde laboral’ que o ISSGA celebrou na Coruña.
  • Mato incidiu na importancia de concienciar ás empresas sobre que o investimento en prevención de riscos laborais é rendible tamén en tempos de crises.
  • O Plan de Actividades do ISSGA para este ano inclúe 72 programas entre os que a conselleira destacou as actuacións encamiñadas en previr os riscos ergonómicos e psicosociais.
  • O departamento autonómico porá en marcha unha ferramenta para que as empresas poidan calcular os custes derivados da siniestralidade laboral.
  • A titular de Traballo apuntou que no primeiro trimestre de 2011 os accidentes laborais baixaron en Galicia nun 18,37por cento.

A Coruña, 27 de abril de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver este ano un total de 72 programas en materia de seguridade e saúde laboral a través do Plan Anual de Actividades do ISSGA. Esta iniciativa forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 que arrancou este ano e foi acordada pola Xunta e axentes sociais no seo do diálogo social.

Máis de 20 actuacións deste plan son novidosas e teñen como obxectivo principal concienciar ás empresas da importancia de investir en prevención de riscos laborais. Así o asegurou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na inauguración da xornada ‘Novidades Técnicas e Normativas en materia de seguridade e saúde laboral’, que o ISSGA celebrou na Coruña con motivo mañá do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo.

“Desde o primeiro momento o Goberno galego defendeu a necesidade de preservar a seguridade laboral pese a crise económica porque facer compatibles o dereito ao traballo e o dereito á vida é unha obriga de todos”, apuntou.

A titular do departamento autonómico fixo fincapé nas vantaxes que as empresas adquiren ao investir nesta materia ao tempo que expuxo as principais actuacións que a Xunta está a desenvolver neste campo.

Así, Mato explicou que o Plan de Actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), aprobado o pasado mes de xaneiro pola comisión do Goberno do Instituto- está integrado por representantes da Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia e os tres sindicatos maioritarios de Galicia-, xira en torno a catro eixos principais: a mellora da coordinación entre as administracións competentes nesta materia, o reforzo na investigación das enfermidades profesionais, o afondamento no asesoramento técnico ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos e, por último, a ampliación do ámbito da investigación a outras tipoloxías de accidentes laborais e a novos segmentos de poboación.

Entre as medidas novidosas que se están a poñer en marcha, a titular de Traballo destacou a atención especial que o ISSGA está a facer no ámbito dos riscos ergonómicos e psicosociais.

Neste senso, indicou que o Instituto levará a cabo un estudo das condicións ergonómicas dos traballadores da pesca de baixura, un plan piloto de avaliación dos riscos psicosociais nos centros de traballo da Administración autonómica e un mapa de riscos ergonómicos en Galicia. Esta última medida terá como obxectivo analizar as situacións deste risco laboral segundo a actividade económica, incluíndo a perspectiva de xénero.

Outra das novidades nas que está a traballar o departamento autonómico é en desenvolver unha aplicación para que as empresas poidan calcular os custes derivados da siniestralidade laboral. “Trátase dunha ferramenta directa, gráfica e útil para concienciar da importancia da prevención”, subliñou Mato.

Así mesmo, apuntou que se porá en marcha un programa de protección para as mulleres embarazadas para verificar que nos centros de traballo se cumpre coas medidas previstas na normativa e incidiu nun plan de seguridade viaria laboral, que terá como finalidade o asesoramento ás empresas que conten con maiores índices de siniestralidade viaria.

“Todas estas actuacións permitiranos seguir avanzando no noso obxectivo de instaurar en Galicia unha auténtica cultura da prevención porque investir na prevención de riscos é investir en futuro”, afirmou.

Por último, a conselleira sinalou que Galicia xa acadou “avances significativos” en materia de seguridade e saúde laboral lembrando que no primeiro trimestre deste ano os accidentes laborais baixaron na Comunidade autónoma nun 18,37 por cento.