Novas

Mércores, Xuño 08, 2011

Traballo avanzará durante este ano na prevención das enfermidades profesionais e elaborará o mapa de risco químico

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe a xornada de Comisións Obreiras ‘Saúde laboral dezaseis anos despois’.

O mapa permitirá identificar ás empresas con risco químico en Galicia, os produtos que manexan e o número de traballadores expostos ao mesmo.

Mato lembrou que é un obxectivo prioritario estender a toda a sociedade a mensaxe da importancia da prevención.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou onte a posta en marcha a finais deste ano do mapa de risco químico que estará a disposición de todas as empresas co obxectivo de coñecer os riscos xerados pola utilización de produtos químicos por sectores e subsectores de actividade, territorios e empresas, partindo da obrigación das mesmas de avaliar os riscos.

Desta maneira, o mapa permitirá identificar ás empresas con risco químico en Galicia, identificar os produtos que manexan como materias primas, produtos intermedios e finais, así como o número de traballadores expostos, o que favorece a comunicación as empresas das exposicións inadvertidas e ter unha base de datos con toda a información dos produtos.

Trátase dunha medida incluída no Plan Anual 2011 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), no marco de diálogo social de Galicia. Dito plan pretende abordar os novos riscos emerxentes, así como o estudo sobre as enfermidades profesionais e os accidentes por sobreesforzo ou de tipo psicosocial.

Beatriz Mato inaugurou onte en Santiago a xornada de Comisións Obreiras ‘Saúde laboral dezaseis anos despois’ e na súa intervención indicou que, xunto coa Consellería de Sanidade, están a darse os pasos para a coordinación na detección e prevención das enfermidades profesionais, para o cal xa se iniciaron as investigacións e estudos por parte do ISSGA.

Así, Mato lembrou que “por primeira vez, estamos a compartir bases de datos e fondos bibliográficos para a elaboración de protocolos para colaborar nos procedementos de investigación de enfermidades profesionais”. Por outra banda, o ISSGA está a realizar campañas específicas de recoñecementos médicos a colectivos como o das mariscadoras, “un sector feminizado e que sofre de enfermidades típicas desta profesión, para poder detectar estas patoloxías e asesorar a estas traballadoras en canto a formas de traballo”.

Engadiu que o mesmo se está a facer no caso dos traballadores do ámbito da lousa nas provincias da Coruña e Lugo, para a prevención da silicose, e a través das campañas para os traballadores expostos ao amianto, para evitar a asbestose, grazas aos grupos específicos creados para a abordaxe destas problemáticas. Por último, todos os médicos do ISSGA recibiron formación específica en materia de enfermidades profesionais, para evitar que sexan catalogadas como doenzas comúns.

Riscos psicosociais e ergonómicos
Ademais da colaboración coa Consellería de Sanidade e a posta en marcha do mapa de risco químico, Beatriz Mato apuntou que “temos avanzado moito no desenvolvemento do estudo de riscos psicosociais e ergonómicos, pese a que estamos no primeiro ano dos 3 que vai durar a elaboración destes dous estudos”. Informou de que, a día de hoxe, “temos xa en marcha a fase de recollida de datos, elaboración dos cuestionarios e deseño da base de datos, así como a elaboración de xornadas técnicas e a preparación do persoal de cara ás actuacións preceptivas”.

O Plan Anual 2011 permite dar resposta ás prioridades do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 e que inclúe obxectivos como a promoción e control dun mellor e máis eficaz cumprimento da normativa, o incremento da calidade e eficacia dos sistemas de prevención nas empresas, a mellora das institucións dedicadas á prevención de riscos e da coordinación entre elas, a potenciación da formación en materia de prevención de riscos, a introdución e consolidación da cultura da prevención na sociedade galega e a mellora ou nivel do coñecemento, análise e investigación en materia de seguridade e saúde laboral.

Neste senso, a conselleira subliñou a posta en marcha da escola de prevención de riscos, unha ferramenta que traballa na concienciación da sociedade, desde os primeiros anos de vida dos nenos e nenas, na prevención de riscos, desde a escola e o fogar ata o futuro posto de traballo. Para Mato “este punto é un dos esenciais á hora de garantir o éxito neste obxectivo”.

“Está clara a importancia dos delegados de prevención de riscos laborais nas empresas, e tamén da introdución de programas formativos e informativos a nivel dos traballadores e traballadoras, así como da posta en marcha de investigacións e estudos para a detección das problemáticas e oportunidades de mellora, pero o que sen dúbida vai marcar a diferenza nas xeracións futuras é a concienciación persoal de cada un dos individuos para garantirse a si mesmo e aos demais un entorno saudable e seguro en todos os ámbitos da vida”, apuntou a titular de Traballo.

Desta maneira, engadiu que é un obxectivo prioritario estender a toda a sociedade a mensaxe da importancia da prevención “e a elaboración dunha estratexia consensuada, cos axentes empresariais e sindicais, no marco do diálogo social de Galicia, é un excelente punto de partida para establecer este punto de inflexión tan necesario”.

De outra banda, na súa intervención, Mato afirmou que nestes tempos nos que o emprego é a noticia do día a día desde o punto de vista do paro, non debemos deixar de chamar a atención sobre cuestións vitais como o é a prevención de riscos. “É certo que temos que traballar arreo, e así o estamos a facer, para conter a destrución de postos de traballo e para dinamizar o mercado laboral. E é igualmente prioritario que sigamos actuando para que eses postos de traballo sexan seguros”, aseverou.

Dende o seu punto de vista, “estamos ante un dos momentos máis críticos desde a entrada en vigor da lei de prevención de riscos” e “está nas nosas mans converter esta crise nunha oportunidade, está nas nosas mans saír fortalecidos da mesma, cun mercado laboral máis igualitario, con máis oportunidades, máis dinámico e máis seguro”.

Mato incidiu en que a sinistralidade está a reducirse en Galicia. Os últimos datos demostran que en abril os accidentes totais baixaron nun 21,22% en termos absolutos en relación ao ano anterior, e en máis dun 20% respecto ao índice de incidencia. No primeiro cuadrimestre deste ano produciuse unha baixada acumulada do 19% en relación ao mesmo periodo do 2010 (10.317 accidentes fronte a 12.736).

Pese a esta mellora, Mato lembrou que “nunca podemos falar de datos positivos mentres sigan a producirse sinistros evitables” e, por iso temos que seguir traballando, de forma coordinada, o que persegue o Plan Estratéxico 2011-2014, que pon de manifesto a necesidade de apoiar especialmente ás pequenas e medianas empresas, ás microempresas e aos autónomos na implantación de políticas de prevención de riscos tendo en conta que son estes modelos empresariais os que máis dificultades teñen para a xestión destas políticas, e que son a columna vertebral do noso tecido produtivo.