Novas

Mércores, Marzo 30, 2011

O Issga e a USC colaborarán na formación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, e o reitor da USC, Juan José Casares, subscribiron hoxe un acordo de colaboración en Santiago de Compostela. • A USC e o ISSGA estableceron un marco de actuación para a colaboración en actividades comprendidas no eido da seguridade e saúde laborais, mellora das condicións de traballo e prevención de riscos.

Santiago, 30 de marzo de 2011.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan José Casares, subscribiron hoxe un marco de colaboración vixente ata o 31 de decembro de 2014, para o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de riscos laborais.

A USC, a través da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, comprométese a coordinar e instrumentalizar todos os traballos e actuacións necesarias para a realización das actividades, participar activamente no desenvolvemento das mesmas e informar periodicamente o ISSGA da súa evolución.

Pola súa banda, o ISSGA comprométese a colaborar no desenvolvemento de actividades académicas, científicas ou doutra índole en materia de prevención de riscos laborais, realizar tarefas de asesoramento e apoio en programas formativos, participar en proxectos e programas de investigación e desenvolvemento e colaborar na edición conxunta de publicacións e documentos de traballo que de común acordo se decida desenvolver no eido da prevención de riscos laborais e saúde laboral.

Así mesmo, comprométese a participar en actividades de promoción da cultura da prevención e de difusión de boas prácticas, especialmente aquelas que utilicen as novas tecnoloxías da comunicación e a información; o asesoramento en cuestións relacionadas coas actividades que as dúas entidades decidan desenvolver no que atinxe aos contidos expostos en relación co obxecto do presente acordo marco; e informar periodicamente á USC das actividades desenvolvidas e da evolución das mesmas.

A subscrición do acordo non leva consigo ningún compromiso de gasto. As achegas económicas das partes que xere a colaboración serán avaliadas e acordadas para cada un dos convenios específicos en que esta se concrete.

Para facilitar a elaboración dos convenios específicos, o seu seguimento e cumprimento, constituirase unha Comisión Mixta, de composición paritaria, integrada por representantes de cada unha das institucións e que velará polo cumprimento do acordo, proporá posibilidades de colaboración e preparará os convenios específicos de execución, entre outras actividades.