Novas

Luns, Xuño 20, 2011

O ISSGA certifica a formación de 150 persoas que participaron en cursos de prevención de riscos laborais ao abeiro do Plan Ferrol

As actividades formativas, que tiveron lugar nos meses de marzo e abril, adaptáronse á actividade naval para que foran axeitados aos postos de traballo da zona

A formación centrouse en que os alumnos aprenderan a detectar, evitar, corrixir e previr problemas que poidan poñer en perigo a saúde e a integridade persoal dos traballadores

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, acreditou o pasado venres a 150 persoas que participaron en dous cursos de prevención de riscos laborais (PRL), que se organizaron ao abeiro do Plan Ferrol durante os meses de marzo e abril.

Na entrega de diplomas participaron a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, xunto co director da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, José María Fantova, e o presidente desta Asociación, Cesáreo Fraga.

Este cursos estaban dirixidos tanto a traballadores en xeral como a aqueles designados para realizar funcións preventivas de nivel básico na empresa, e aos que necesiten no seu ámbito profesional posuír coñecementos en prevención de riscos. Ademais, estiveron abertos a todas aquelas persoas interesadas no ámbito da seguridade e a prevención de riscos na empresa.

O obxectivo destas actividades formativas do ISSGA centrouse en que os alumnos adquiriran coñecementos básicos para poder detectar, evitar, corrixir e previr os problemas que poidan poñer en perigo a saúde e a integridade persoal dos traballadores. Ademais, os contidos adaptáronse á actividade naval para que foran o máis axeitados posibles aos postos de traballo da zona.

Nos cursos, de 60 horas lectivas cada un, tratáronse, entre outras materias, as leis e normas en materia de prevención de riscos laborais; os plans de actuación, técnicas preventivas e de primeiros auxilios para superar con éxito as situacións de perigo; diferentes técnicas de detección e avaliación de riscos; fórmulas para organizar a prevención nunha empresa; e as responsabilidades da empresa en materia de prevención.

As accións formativas contaron con formación presencial en Ferrol- 20 horas en xornadas de 5 horas cada unha- e con teleformación -40 horas-. Unha vez rematado o curso, os alumnos realizaron unha avaliación final co obxectivo de medir os seus coñecementos.