Novas

Mércores, Outubro 18, 2017

O centro ISSGA da Coruña acolleu unha xornada sobre as enfermidades profesionais

  • Trátase da primeira das actividades formativas organizadas polo Instituto con motivo da Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo
  • Esta xornada, encadrada na programación formativa do Issga para este ano, realizouse en colaboración con Asepeyo

A Coruña, 18 de outubro de 2017.- Segundo estimacións da OIT, as enfermidades ocasionadas polo traballo matan seis veces máis traballadores que os accidentes de traballo. Por conseguinte, é indispensable recoñecer e previr efectivamente as enfermidades profesionais como paso previo para o establecemento de programas nacionais de seguridade e saúde no traballo (SST) ben concibidos.

A prevención das enfermidades profesionais é un dos ámbitos sobre os que se debe traballar de maneira máis intensa, especialmente nos sectores e actividades con maiores índices de incidencia. Para iso resulta imprescindible promover o estudo e a investigación das enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo, identificando mellor os axentes causantes, os seus efectos e as medidas de prevención.

É necesario impulsar a declaración das sospeitas de enfermidade profesional polos facultativos do SERGAS e dos servizos de prevención para coñecer a verdadeira realidade. O recoñecemento das enfermidades profesionais favorece que se adopten medidas de prevención para eliminar as causas que as provocaron, e iso redunda en beneficio de todos os traballadores.

As enfermidades asociadas ao traballo son moitas, pero o noso sistema de Seguridade Social determina de maneira específica cales son os requisitos para que unha enfermidade sexa cualificada como profesional.

O recoñecemento legal dunha enfermidade profesional é importante tanto para poñer en evidencia a existencia dun perigo para a saúde, e por tanto a súa posterior prevención, como para poder aplicar as medidas preventivas específicas derivadas deste recoñecemento.

Ao recoñecer a orixe profesional da enfermidade póñense de manifesto os factores de risco que a xeraron, e a obriga da empresa de revisar a avaliación de riscos e adoptar as medidas preventivas necesarias para eliminar as causas e adaptar o posto de traballo así como de proporcionar unha vixilancia da saúde adecuada que garanta a detección precoz das enfermidades de orixe laboral.

Nesta xornada aclarouse o concepto de enfermidade profesional e se expuxeron as actuacións tanto da Administración (Inspección de Traballo, INSS e ISSGA) como das mutuas en relación con elas; tamén se lembraron as obrigas do empresario e se incidiu na prevención en relación coas enfermidades profesionais (estudo e cambios de posto de traballo, informes de recomendacións, etc.)

Os datos estatísticos reflicten a necesidade de incidir aínda máis nas enfermidades profesionais, promovendo a prevención antes que a rehabilitación ou o abandono temperán do traballo por motivos de saúde, en sintonía coas recomendacións procedentes das institucións comunitarias.

É fundamental dispoñer de fontes fiables de datos estatísticos como o CEPROSS e a colaboración de todos os implicados para reducir a aparición de enfermidades profesionais.

A mellora do intercambio de información e da coordinación entre os profesionais da saúde, tanto do sistema público sanitario como dos servizos de prevención, servirá para favorecer a detección precoz das patoloxías profesionais e, en consecuencia, actuar de maneira máis rápida e eficiente.

Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo

Cada ano a Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo promove, en toda Europa, a Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, co obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables, e contribuír á difusión da Campaña Europea en curso.

A Semana Europea 2017, enmarcada na Campaña “Traballos saudables en cada idade” 2016-17, no seu segundo ano continúa impulsando un enfoque global da seguridade e a saúde no traballo atendendo á diversidade dos traballadores, para garantir unhas condicións de traballo adecuadas ao longo da vida laboral.

O fomento da prevención baseada no “ciclo de vida” dos traballadores, incidindo na necesidade de contar cunha boa xestión da seguridade e a saúde no traballo (SST) ao longo de toda a vida laboral, permitirá adaptar o traballo ás capacidades de cada traballador desde o inicio ata o final da súa carreira profesional.

En España, o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo, como Centro de Referencia da Axencia Europea, promove a realización de diferentes eventos no marco da Semana Europea, grazas á colaboración da Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo e a distintas organizacións que, ao longo do territorio español, participan na campaña contribuíndo a sensibilizar sobre a importancia de cada unha das campañas europeas, así como a proporcionar información sobre as actuacións necesarias para garantir lugares de traballo saudables.

O ISSGA, membro da dita Rede, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, programou as seguintes actividades relacionadas con esta campaña:

 

 

Xornada técnica

Data

Lugar

A xestión interdisciplinar da enfermidade profesional

18/10/2017

Centro Issga da Coruña

Traballos saudables en cada idade. Idade e diversidade: impacto na xestión de PRL

19/10/2017

Centro Issga de Lugo

Traballos saudables en cada idade. Idade e diversidade: impacto na xestión de PRL

20/10/2017

Centro Issga de Pontevedra

Protección da maternidade no ámbito laboral

26/10/2017

Centro Issga de Ourense

Protección da maternidade no ámbito laboral

27/10/2017

Centro Issga da Coruña