Novas

Xoves, Xuño 30, 2011

A directora do ISSGA participa nunha xornada técnica sobre códigos de boas prácticas do INSHT

Adela Quinzá-Torroja, directora do ISSGA, participa cun relatorio na xornada técnica "Códigos de boas prácticas" que ten lugar hoxe 30 de xuño, na sede do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, c/ Torrelaguna, 73 - Madrid.

Os avances conseguidos en materia de prevención de riscos laborais durante os últimos anos, como o mostra o descenso continuado dos índices de incidencia dos accidentes de traballo, requiren e precisan unha continuidade. Este proceso de continuidade que permite un marco de sostibilidade da prevención na empresa, ten dous referentes esenciais considerados indiscutibles: a integración da prevención na xestión empresarial e a promoción da cultura preventiva. Ambos os dous elementos son, segundo consenso xeneralizado, o que permiten materializar no día a día da empresa un compromiso firme a favor da saúde e seguridade e unha efectiva intervención preventiva.

Nesta xornada técnica, o INSHT atendendo ás obrigas dimanadas da Estratexia e a encomenda de xestión, presenta os resultados relativos ás evidencias científicas e bibliográficas sobre boas prácticas profesionais, vinculados á xestión da prevención, a avaliación de riscos, e a formación e información aos traballadores.

A xornada, presentada polo Subdirector técnico do INSHT, Francisco Marqués Marqués, está estructurada en dous paneis; o primeiro deles dedicado a "A calidade na prevención" e o segundo deles ás evidencias científicas e bibliográficas sobre actividades preventivas.

No primeiro deles, moderado por Francisco Marqués, ademais de Adela Quinzá-Torroja, directora do ISSGA, participarán Antonio Rodríguez de Prada, Conselleiro Técnico INSHT; Jaume de Montserrat I Nonó, Subdirector Xeral de Seguridade e Saúde Laboral, Xeneralidade de Cataluña; e Pere Boix, Investigador de CISAL, Universidade Pompeu Fabra (Barcelona).

No segundo panel, moderado por Olga Fernández Martínez, Directora do Centro Nacional de Novas Tecnoloxías do INSHT, coa intervención de Rogelio Olavarri, Catedrático de Organización de Empresas da Universidade de Cantabria; Pere Boix, Investigador de CISAL Universidade Pompeu Fabra (Barcelona); Mariona Portell, Profesora da Universidade Autónoma de Barcelona., e David Cobos Sanchiz, Profesor da Universidade Pablo Olavide de Sevilla.