Novas

Xoves, Abril 28, 2011

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DA SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO

No 2011, o 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, ten unha especial significación en Galicia por ser o ano no que se inicia o “Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014”, froito do consenso acadado no marco do Diálogo Social.

Este plan cuadrienal, que se converte na folla de ruta a medio prazo, formula seis obxectivos estratéxicos que abranguen desde a promoción e o control dun mellor e máis eficaz cumprimento da normativa ata a mellora do nivel do coñecemento, a análise e a investigación en materia de seguridade e saúde laboral.

Nese contexto, desde a Xunta de Galicia, principalmente a través do Plan de Actividades 2011 do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), órgano no que teñen presenza cualificada a CEG, UGT de Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG, estanse a desenvolver importantes actuacións en materia de prevención de riscos laborais. Entre elas, considéranse prioritarias a atención aos riscos psicosociais, as accións para a redución dos sobreesforzos polo seu elevado índice de sinistralidade, a investigación das enfermidades profesionais e o apoio ás pemes, micropemes e traballadores autónomos.

Especial mención merecen os programas destinados a sectores tradicionais e de forte implantación na nosa economía, como a pesca, o sector agro-gandeiro-forestal ou a minaría, cada un deles co seu propio perfil de risco, que hai que abordar desde a súa singularidade.

Cómpre, polo tanto, identificar as liñas de actuación en Galicia como un compromiso compartido por todos os actores implicados no mundo das relacións laborais e como unha responsabilidade conxunta cara a unha meta común, que non é outra, que a consolidación da cultura da prevención como solución fronte ás indesexables consecuencias dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais.

Todos estamos obrigados a ser persuasivos para estender o valor da prevención, mesmo ás xeracións máis novas antes da súa chegada ao mercado laboral. Neste eido, a Xunta xa iniciou a súa actividade a Escola Galega de Prevención, na que se aposta decididamente por inculcar o valor da prevención aos nenos e nenas, cun percorrido polos riscos aos que se enfrontan na rúa, na escola, no fogar, e para que nun futuro sexan traballadores e empresarios concienciados coa saúde laboral.

A actual conxuntura de crise económica mundial non pode ser unha escusa para reducir investimentos na seguridade no traballo. Non debemos baixar a garda, senón buscar a oportunidade de seguir avanzando no conseguido. Todos somos beneficiarios finais da prevención, porque todos somos traballadores, e máis que nunca debemos protexer e protexernos nestes tempos de cambio.

Dende as administracións públicas debemos simplificar o cumprimento polas empresas das súas obrigas nesta materia, pero deixando claro que simplificar debe ser sinónimo de “facilitar”, non de “rebaixar”, para construír unha sólida arquitectura da prevención, baixo o principio da corresponsabilidade, solidariedade e asumindo, cadaquén, as súas obrigas no centro de traballo.

Un tecido social que traballa en condicións sas e seguras reduce os custos económicos asociados aos accidentes e enfermidades profesionais e mellora a produtividade e competitividade das empresas. Pero, tamén reduce o sufrimento físico, ese que é tan difícil de avaliar porque non ten correspondencia económica.

O Goberno galego quere difundir, neste día conmemorativo da seguridade e saúde no traballo, a mensaxe de que, sen dúbida, investir en prevención de riscos laborais é rendible e necesario tamén en tempos de crise.