Viernes, Septiembre 22, 2017
A Xunta sinala que a Guía para a Vixilancia da Sáude no Sector Pesqueiro identifica os riscos laborais en función do tipo de frota
- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participaron hoxe na Coruña na presentación deste documento elaborado conxuntamente con Asturias, Cantabria e Euskadi
- Trátase da primeira guía editada neste ámbito por estas 4 rexións e realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos de traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral destas comunidades autónomas
- Toca destaca que a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020 inclúe 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral, unha prioridade para o Goberno galego
- Rodríguez sinalou que a Xunta considera prioritario promover a mellora das condicións de traballo dos profesionais do sector pesqueiro, de maneira que poidan realizar as súas tarefas con maior seguridade e saúde
A Coruña, 22 de setembro de 2017.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na clausura dunha xornada técnica na que se presentou a Guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro, un documento elaborado conxuntamente polos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Ao acto asistiron tamén a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e os directores dos institutos asturiano, Miryam Hernández; cántabro, Amalio Sánchez; vasco, Alberto Alonso; e galego, Adela Quinzá-Torroja.
Toca destacou que este documento, que agora se remata a través dunha colaboración pioneira dos catro institutos da cornixa do Cantábrico, axudará a identificar os riscos laborais en función do tipo de frota e arte, e subarte dos barcos que forman parte do sector, dos colectivos dedicados ás actividades auxiliares da pesca e dos ocupados no marisqueo ou a acuicultura.
A secretaria xeral de Emprego sinalou a importancia desta publicación multidisciplinar nos eidos de seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía aplicada e medicina do traballo e puxo en valor “a suma de esforzos” para poder desenvolver este labor apuntando que “en todas as parcelas e sectores de actividade deben primar as sumas e as sinerxías que se crean ao traballar de maneira conxunta”.
Toca indicou, así mesmo, que esta actuación forma parte do labor que realiza o Goberno galego na loita contra a sinistralidade laboral a través da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, unha planificación, consensuada cos interlocutores sociais, que inclúe 163 medidas neste ámbito.
Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
Pola súa parte, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez sinalou que a Xunta considera prioritario promover a mellora das condicións de traballo dos profesionais do sector pesqueiro, de maneira que poidan realizar as súas tarefas con maior seguridade e saúde.
Neste sentido, subliñou que a publicación da guía permite aos armadores/as e traballadores/as do sector pesqueiro ter unha visión clara de como a vixilancia pode axudarlles a manter e mellorar a súa propia saúde. Isto, engadiu, redunda nun desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Ademais explicou que tamén se editou en inglés co obxectivo de que se converta nunha guía de referencia a nivel europeo na prevención de riscos no sector pesqueiro.
A nova guía
A publicación, que hoxe se presenta, foi desenvolvéndose en diferentes etapas. A primeira está dirixida ás flotas de baixura e artesanal; a segunda ás actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e as actividades auxiliares á pesca; e a terceira está destinada ás artes de altura e gran altura. A fase final do traballo baséase na avaliación de riscos específica dun posto de mariñeiro que se desenvolve e define ao longo de toda a guía.
Entre os principais contidos que recolle o documento resaltan as probas e exploracións médicas concretas que permiten coñecer se as condicións de traballo afectan ao estado de saúde, facilitando ao persoal médico e de enfermería do traballo identificar de forma precoz a aparición de posibles danos e, polo tanto, dáselles a posibilidade de recomendar as medidas preventivas máis axeitadas no seu labor xunto co persoal técnico de prevención. Tamén proporciona instrumentos para a detección de enfermidades profesionais e relacionadas co traballo neste sector e define indicadores de seguridade e saúde no traballo, o que permitirá desenvolver estratexias de prevención e valorar o grao de consecución dos obxectivos marcados para mellorar as condicións de traballo do sector e os niveis de saúde e protección.
A guía pódese descargar na web http://issga.xunta.gal ou na páxina que crearon os catro institutos para este proxecto http://grupo-cano.com/, dispoñible en castelán, galego, euskera e inglés.