Viernes, Julio 22, 2011
Publicación como disposición en elaboración do proxecto da Orde pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de referencia de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral
Na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar vén de publicarse como disposición en elaboración o proxecto de Orde pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de referencia de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
O ISSGA, a través da unidade de hixiene analítica situada no centro do ISSGA en Pontevedra, que se constitúe como laboratorio de referencia de hixiene analítica, vén realizando determinacións analíticas de mostras ambientais e biolóxicas para atender as necesidades propias do instituto; pero, consciente da existencia na Comunidade Autónoma dunha demanda destes servizos dentro do sector privado, fíxase como obxectivo no seu Plan de actividades para o ano 2011 estender a prestación dos servizos do laboratorio de hixiene analítica aos usuarios que o soliciten, xa sexan servizos de prevención alleos, propios ou mancomunados ou empresas privadas que voluntariamente o requiran.
Trátase por unha banda, de atender á demanda de análises proveniente principalmente de servizos de prevención, e por outra, de acadar un maior rendemento dos medios materiais e persoais cos que conta o instituto, ao tempo que constituirá unha fonte adicional de ingresos para o instituto, que permitirá financiar outras actuacións orientadas á protección da seguridade e saúde dos traballadores.
O texto do proxecto da Orde pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de referencia de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral pódese consultar na ligazón que se indica a continuación.