Noticias

Jueves, Septiembre 14, 2023

Galicia contará coa Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral Horizonte 2027, coa cal fará fronte aos riscos derivados das novas formas de traballo

  • O Consello da Xunta aprobou hoxe o documento aprobado co consenso dos interlocutores sociais e que prevé un orzamento de 55,8M€ ata 2027
  • A estratexia incide na prevención dos riscos psicosociais vencellados co traballo e nas medidas para combater a sinistralidade en sectores como o dos coidados, a pesca, a construción ou o forestal
  • Parte do traballo deste marco centrarase na formación da mocidade, das persoas traballadoras e das empresas
  • A Xunta quere tamén promover o benestar laboral e unha adecuada saúde nos espazos de traballo
  • O documento aspira a xerar unha cultura de prevención con perspectiva de xénero

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023. O Consello da Xunta aprobou hoxe a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, un documento que permitirá adecuar a prevención de riscos ás novas formas de traballo e que incidirá, de xeito decisivo, na redución da sinistralidade nos sectores máis afectados.

O Goberno galego propón, con este documento, un desenvolvemento ordenado e eficaz das políticas do Goberno galego en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo. Estará dotado con 55,8M€ para todo o período de vixencia.

A estratexia que bota agora a andar foi resultado dun proceso participativo e conta co consenso do diálogo social e as achegas de diferentes departamentos da Xunta.

Entre outras bondades, a planificación adáptase aos actuais marcos estratéxicos europeo e español e dá resposta á transformación ecolóxica, social e dixital que se está a vivir.

O documento, así, ademais de supor un salto cualitativo para sentar as bases da cultura do benestar laboral na Comunidade e de asumir como principio a perspectiva de xénero, enfronta os riscos derivados dos novos escenarios laborais.

Entre os seis obxectivos estratéxicos e as máis de 135 medidas que se van desenvolver, recolle actuacións para adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías nas contornas laborais, como a intelixencia artificial, o big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo.

Unha das prioridades será a de enfrontar os riscos psicosociais que afectan as persoas traballadoras (estrés, violencia, desgaste laboral...) e tratar de reducir, con carácter xeral, os danos na saúde das persoas, tanto accidentes laborais como enfermidades profesionais. Na mesma liña, quere combater patoloxías non traumáticas, riscos ergonómicos e os relacionados coa exposición a substancias e axentes perigosos.

A nova estratexia, doutra banda, mira os colectivos vulnerables ante o traballo e incidirá en sectores con alta sinistralidade. Menciona o dos coidados, o forestal, o da construción ou da pesca como algún dos prioritarios. Tamén terá en conta o idadismo e a diversidade xeracional para incidir na mellora da seguridade e saúde no traballo.

A Xunta de Galicia avogará por xerar coñecemento e sensibilizar na cultura da prevención a persoas traballadoras, empresarios e mesmo ao alumnado, nas diferentes etapas educativas, polo que no novo marco se reforzará a formación.

Na elaboración da Estratexia, que situará Galicia á vangarda da seguridade e saúde no traballo, tívose en conta a configuración do tecido empresarial galego, integrado de xeito principal por pemes e micropemes nas cales existe unha especial dificultade na integración da cultura preventiva e unha excesiva externalización da súa xestión. Incrementar a calidade das actuacións preventivas destas empresas e acompañar tamén os traballadores autónomos serán dous dos propósitos nestes anos.