Noticias

Jueves, Noviembre 22, 2018

Analizamos os riscos novos e emerxentes en dúas xornadas técnicas en Ourense e A Coruña

Analizamos os riscos novos e emerxentes en dúas xornadas técnicas en Ourense e A Coruña

Ourense, 22 de novembro de 2018. Hoxe tivo lugar no centro Issga de Ourense a xornada técnica “Riscos novos e emerxentes. Nanomateriais, biotecnoloxía e empregos verdes” que se replicará mañá no centro Issga da Coruña.

Nas últimas décadas tiveron lugar importantes avances tecnolóxicos no lugar de traballo que, xunto coa rápida globalización, transformaron o traballo para moitas persoas en todo o mundo, xerando riscos novos e emerxentes. O informe da Organización Internacional do Traballo (OIT): "Riscos emerxentes e novos modelos de prevención nun mundo de traballo en transformación", destaca os riscos relacionados con innovacións técnicas, como a nanotecnoloxía e a biotecnoloxía.

Os nanomateriais teñen características singulares, diferentes dos mesmos materiais a unha escala maior, polo que brindan oportunidades novas e en ámbitos como a enxeñería, a electrónica, a medicina ou os fármacos. As súas propiedades técnicas propician que o seu uso se estenda continuamente, pero existen grandes lagoas no coñecemento dos riscos que levan e, por tanto, deben adoptarse precaucións especiais na xestión destes materiais mentres non se teña un maior coñecemento sobre os seus efectos na saúde.

A biotecnoloxía pasou de ser un campo case exclusivo da investigación no século pasado, a integrarse actualmente en moitos procesos agrícolas, industriais, e nos campos da sanidade e a protección ambiental. Consecuentemente, non só as grandes corporacións fan biotecnoloxía, senón proliferaron pequenas empresas que se especializaron neste tipo de traballos. A bioseguridade esixe uns requirimentos moi específicos e complexos, tanto nas instalacións de contención como nos procedementos de traballo seguros.

A UE impúxose uns ambiciosos obxectivos en materia de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, o fomento das enerxías renovables e a redución dos residuos. Iso xerou unha ampla gama de empregos «verdes», que axudan a protexer os ecosistemas e a biodiversidade, a reducir o consumo de enerxía e materias primas, ou ben a reducir os residuos e a contaminación. Os postos de traballo «verdes» teñen que ser seguros para os traballadores e para o medio ambiente, ao obxecto de contribuír a un crecemento sustentable e cumprir os obxectivos de a Estratexia 2020 da Comisión Europea.

Durante esta xornada se valorou a importancia crecente da biotecnoloxía como ámbito de coñecemento en expansión que ofrece vantaxes á sociedade, e a necesidade da bioseguridade neste campo para poder ofrecer procesos seguros de mellora xenética e nos laboratorios. Incidirase tamén na bioseguridade ambiental.

Así mesmo, se abordou a utilización de nanomateriais e a incertidume que existe sobre os posibles riscos destes materiais, incidindo sobre os equipos de protección axeitados para os traballos que implican a súa utilización. Por último, tamén se analizaron as enerxías renovables e os novos oficios e riscos asociados á enerxía limpa.