As explotacións de gando vacún na nosa comunidade autónoma teñen unha serie de características e peculiaridades propias que cómpre ter en conta á hora de deseñar unha axeitada política preventiva neste ámbito laboral. Deste xeito, a dispersión xeográfica da actividade, o carácter familiar da maior parte das explotacións, a elevada porcentaxe de traballadores e traballadoras por conta propia existentes no sector, o envellecemento da man de obra, a diversidade de tarefas que hai que realizar, o traballo en contacto continuo con animais e a escasa formación en materia de prevención de riscos laborais, convértense en factores importantes neste sector que non se poden obviar.
A finalidade desta publicación é proporcionar unha ferramenta para mellorar as condicións de traballo das persoas traballadoras das explotacións de gando vacún, de xeito que desenvolvan as súas tarefas de xeito seguro e saudable.
Edítase en varios formatos: libro, guía, tríptico e cartel, e recolle os seguintes aspectos:
- Lugares de traballo
- Manexo de animais
- Maquinaria e equipos de traballo
- Axentes químicos: fertilizantes e fitosanitarios
- Manipulación manual de cargas
- A muller no agro
- Primeiros auxilios
- Vixilancia da saúde
- Normativa