Sector pesqueiro

Presentación

Galicia, con máis de 1.500 km de litoral é unha das comunidades autónomas con maior actividade pesqueira. Segundo o Libro Branco da Pesca concentra o 42% do arqueo total da frota española e no ano 2021 conta con máis de 5.000 embarcacións censadas, segundo a Consellería do Mar.  O 80% son barcos pequenos dedicados á pesca de baixura e artesanal. O sector integra a actividade da pesca, do marisqueo e da acuicultura. 

Esta actividade presenta características moi específicas derivadas do traballo a bordo dos buques de pesca: desenvolven o seu traballo en superficies en movemento, están expostos a condicións meteorolóxicas adversas e variables, existe un difuso papel entre o empresariado e o traballador “á parte”, o traballo en caladoiros lonxanos, as quednas de traballo, a exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos, e a prolongación de longas e intensas xornadas, co agravante da exposición a riscos psicosociais ligados á convivencia en espazos reducidos con difícil separación de espazos e tempos de descanso.

A prevención de riscos laborais é de vital importancia, tendo en conta que o índice de incidencia nos accidentes mortais que se producen nos oficios de pesca marítima é moi importante e conta cuns dos índices de sinistralidade máis elevados de todos os sectores produtivos, sobre todo nos casos de accidentes graves. A pesca é un sector que a OIT (Organización Internacional do Traballo) considera como un dos máis perigosos entre todas as actividades de risco. 

Este portal ten por obxecto recoller a actividade e publicacións do ISSGA e con outros organismos colaboradores, relacionado co sector marítimo pesqueiro, sector de tanta transcendencia na nosa comunidade autónoma, fomentando e contribuíndo así á mellora das condicións laborais do persoal traballador do sector e o incremento da súa seguridade e saúde.