Sector construción

Presentación

O sector da construción caracterízase pola diversidade de actividades que comprende, dende a promoción, construción de obra completa, traballos de albanelería ou pintura, reformas, etc. e pola multiplicidade de axentes implicados, coma administracións públicas, promotores privados, coordinadores en materia de seguridade e saúde, etc. Esta diversidade implica tamén que existe unha gran disparidade de riscos asociados, dende os riscos relacionados coa seguridade, coma as caídas en altura ou ao mesmo nivel, a exposición aos riscos químicos (manipulación de materiais con amianto, inhalación de pó de sílice, fumes de soldaduras…), riscos físicos (exposición a ruídos e vibracións, calor e frío, radiacións…), riscos biolóxicos e riscos psicosociais (derivados das fortes presións para incrementar a produtividade, os cambios na man de obra…). 

Ademais, cómpre recordar outros factores a ter en conta neste sector, coma a complexidade das cadeas de subcontratación, a coordinación de actividades ou a frecuente presencia de persoal autónomo que participa nas obras.

O obxectivo deste portal é facilitar ás empresas, ás persoas con obrigas na materia de prevención de riscos laborais e aos demais interesados o acceso á actividade e publicacións do ISSGA e doutros  organismos colaboradores no ámbito da avaliación e prevención de riscos relativos ás obras de construción.