Sector agro e forestal

Presentación

O sector agrario é especialmente representativo en Galicia, onde o 97,8% da súa superficie ten carácter rural. Os prados e os pastos supoñen máis do 50% da superficie agrícola e xunto coa de cultivos forraxeiros (millo forraxeiro fundamentalmente) alcanzan o 80%. Isto supón o 28,1% da superficie forraxeira en España, o que demostra a importancia do sector gandeiro nesta comunidade, centrada especialmente nas producións de vacún de leite e vacún de carne. Tamén destaca a diversidade das explotacións que  desenvolven os seus traballos neste eido: porcinas, ovinas e caprinas, cunícolas, avicolas, así como a apicultura e a produción de alimentos hortícolas, entre outras.

Neste sector de actividade se inclúe a silvicultura. A súa produción xera o 22% do valor produtivo da superficie forestal española, o 7% do valor recreativo e o 10% do valor ambiental. Inclúe os traballos ligados á produción e aproveitamento dos recursos forestais e as actividades de prevención e extinción de incendios, e tarefas relacionadas coa restauración e mellora dos recursos naturais.

A prevención de riscos laborais neste sector está condicionada polas características da súa actividade, coma son a diversidade de modelos produtivos e polo tanto das tarefas, o pequeno tamaño das explotacións, o seu carácter familiar e a súa dispersión xeográfica, o emprego de maquinaria pesada, o traballo con animais, o uso de produtos fitosanitarios e outras substancias químicas, o illamento dos lugares de traballo, etc.

Este portal recolle a actividade, documentación e recursos para a prevención de riscos laborais non soamente xerados polo ISSGA nos últimos anos, senón tamén os realizados en colaboración con outras entidades. Está dirixido a formar e informar ao persoal traballador deste sector, xa que se considera que é relevante desenvolver actuacións e elaborar material formativo e divulgativo actualizado ás recentes novidades lexislativas, específico das tarefas que se realizan e cunha linguaxe adaptada ao seu destinatario, co obxecto de fomentar unha cultura preventiva imprescindible neste sector.