Integración da igualdade

Presentación

Este portal inclúe contidos sobre campañas, actividades, información e concienciación que teñen relación coa perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Home e mulleres teñen condicións sociais e económicas diferentes en canto ao traballo que implican riscos e problemáticas tamén distintas en materia de seguridade e saúde laboral.

Segundo se establece na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 na súa execución teranse en conta os principios de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e non discriminación, de acordo coa normativa de aplicación vixente na materia. Asemade, desenvolveranse actuacións específicas en actividades e sectores feminizados e consideraranse os riscos específicos das mulleres especialmente nas situacións de embarazo, parto recente e lactación.

Cómpre mencionar que entre as funcións do ISSGA está a de promover a efectividade do principio de igualdade entre homes e mulleres, considerando as variables relacionadas co sexo na estatística, o estudo e a investigación dos riscos laborais, co obxecto de detectar e de previr as posibles situacións en que os danos derivados do traballo poidan aparecer vinculados co sexo das persoas traballadoras.

A este respecto hai que destacar a existencia no ISSGA da Comisión para a Integración da Igualdade, na que están presentes representantes da Administración e dos interlocutores sociais. É no seo desta comisión onde se planifican, deseñan e executan as actuacións nesta materia.

En cumprimento das súas funcións, o ISSGA, a través deste portal temático, pon a disposición de todas as persoas interesadas numerosa información práctica, actuacións e publicacións propias e dos organismos colaboradores co obxectivo de asesorar e orientar nos aspectos relacionados coa integración da igualdade e a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais.