Industria e servizos

Presentación

A industria é un dos sectores de actividade máis importantes en Galicia. No tecido empresarial, destacan polo seu peso a industria da automoción e auxiliares, a importancia económica do sector textil, o crecemento das tecnoloxías da información, a madeira pola súa produtividade, o seu potencial no ámbito da calidade e benestar ou a súa aposta polo desenvolvemento das enerxías alternativas, entre outras.

Novidades coma a Industria 4.0, a nanociencia e a nanotecnoloxía, a tecnoloxía e a realidade virtual e a robótica presentan novos retos que é necesario abordar tamén dende o punto de vista da prevención de riscos laborais, e ter en conta a súa convivencia co tecido industrial máis tradicional e coa artesanía.

Cómpre considerar ademais a industria que ven sendo o sector con maior número de enfermidades profesionais declaradas, e cun alto índice de incidencia no total dos accidentes laborais, é preciso incidir e traballar na prevención de riscos laborais do sector.

O sector servizos caracterízase por ser un dos motores da economía. A cantidade de emprego que xera e o volume económico que implica, xunto coa crecente profesionalización do persoal traballador que a integra, definen o marco que explica que este se considere un sector clave dende o punto de vista da prevención de riscos laborais, xa que afecta a unha grande parte da poboación exposta.

O sector servizos comprende unha ampla variedade de tarefas, coma as ligadas ao transporte, á hostalería e turismo, ao comercio polo miúdo ou en grandes superficies, ao traballo na administración e en oficinas, á docencia ou ás actividades de limpeza, entre outras, o que implica diversidade de riscos e de medidas preventivas que se deben adoptar.