venres, Marzo 18, 2022

A Xunta pon en marcha unha campaña dirixida ao persoal das 520 residencias e centros de día para previr riscos laborais

A Xunta pon en marcha unha campaña dirixida ao persoal das 520 residencias e centros de día para previr riscos laborais
  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) pretende con esta iniciativa previr os trastornos musculoesqueléticos derivados da mobilización dos usuarios
  • Nun formato sinxelo e moi gráfico danse pautas para unha correcta mobilización das persoas que o precisan

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022. A Xunta vén de poñer en marcha unha campaña dirixida ao persoal traballador das 520 residencias e centros de día galegos autorizados, tanto de titularidade pública como privada, para facilitarlles a mobilización dos usuarios con técnicas para evitar os trastornos musculoesqueléticos derivados desta actividade. A iniciativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social, inclúe, en concreto, a distribución dun tríptico e tres carteis informativos entre os centros de atención residencial e centros de atención diúrna para persoas maiores e centros de día de alzhéimer. A información, ademais de ofrecer técnicas axeitadas de mobilización, incorpora os riscos aos que están expostos o persoal traballador, na súa maioría mulleres, nos coidados referidos ás persoas con mobilidade reducida.

Para previr os riscos laborais derivados deste labor é importante, segundo consta nos documentos da campaña, valorar o espazo e os medios dispoñibles, o estado da persoa que se vai atender, utilizar roupa e calzado axeitado ou mesmo manter unha boa forma física para evitar posibles lesións.

A campaña fai fincapé en tres aspectos: os principios básicos da mobilización de persoas, as técnicas e as axudas para facilitar esta tarefa. Así, indícase cal é a posición correcta para mobilizar ás persoas que o precisan e danse as pautas para incorporalas na cadeira, sentalas á beira da cama e mesmo para pasalas da cama á cadeira de rodas. Tamén se dan orientacións para elixir unha axuda adecuada e planificar a mobilización para reducir o risco de sufrir unha lesión de costas coa utilización de táboas de transferencia, discos, guindastres ou téxtil de transferencia.

O obxectivo é, a través dunha información en formatos sinxelos e moi gráficos, que as persoas traballadoras deste sector poidan mellorar as súas condicións laborais.

A mobilización de persoas con mobilidade reducida constitúe un dos principais factores de risco para as lesións de costas debido á manipulación manual por tarefas de hixiene, traslados ou cambios posturais. Entre as tarefas que supoñen unha maior accidentabilidade destacan a incorporación e rotación a un paciente na cama; a realización de cambios posturais e desprazamentos cara á cabeceira da cama; a transferencia desde a cama á cadeira de rodas e desde a cadeira de rodas a outros lugares; pasar o paciente da cama á padiola e viceversa; levantar á persoa con mobilidade reducida de posición sedente a bipedestación; e o movemento de camas e outro tipo de mobiliario.

A campaña enmárcase no Plan de actividades do ISSGA para 2022 que inclúe, entre os seus obxectivos, o desenvolvemento de actuacións específicas para o persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar. Este traballo presenta unhas peculiaridades que fai preciso establecer un programa específico de prevención de riscos laborais, especialmente no referido á prevención dos trastornos musculoesqueléticos.

O ISSGA ten editado outras publicacións nas que se aborda a prevención destes trastornos como a folla de prevención Mobilización de pacientes: avaliación do risco e método MAPO.

Ligazóns de interese

Información da campaña