domingo, Xullo 10, 2022

A Xunta continúa en Tomiño a formación en prevención de sinistralidade e riscos laborais no ámbito forestal

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) imparte un curso gratuíto de tres xornadas para aumentar a seguridade no uso da motoserra e da rozadoira nas tarefas forestais
  • Estas dúas ferramentas atópanse entre as máquinas de traballo que maior sinistralidade ocasionan no sector forestal, estratéxico para a economía galega

Tomiño (Pontevedra), 10 de xullo de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), arranca mañá en Tomiño (Pontevedra) unha nova edición do curso para a prevención de riscos laborais no manexo seguro da motoserra e rozadoira. A formación de carácter gratuíto impartirase durante as mañás de tres xornadas sucesivas para os seus quince alumnos.

O curso ten a finalidade de lograr a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade. Deste xeito, o plan específico do Issga pretende instruír ás persoas traballadoras e profesionais do sector nunha cultura preventiva para diminuír os accidentes laborais nestas tarefas de especial risco ao tempo que se mellora a calidade do traballo.

O programa desta acción formativa céntrase no manexo seguro da motoserra e rozadoira, dúas das principais máquinas causantes de accidentes laborais no sector. Tamén se inclúen contidos sobre a vespa velutina ou o protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer). A formación complétase facendo fincapé na importancia da planificación das tarefas e a coordinación e comunicación entre as diferentes cuadrillas e empresas que comparten lugar de traballo.

As actividades terán un carácter principalmente práctico para achegarse o máximo posible á realidade diaria destes traballos. Unha das particularidades é que os contidos tamén estarán dispoñibles en romanés, pois hai un colectivo importante de persoas traballadoras dese país no sector.

Tomiño foi elixida sede do curso pola relevancia do ámbito forestal na zona e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector. O concello do Baixo Miño é a única sede pontevedresa das seis paradas que compoñen este ciclo de cursos do Issga. Tras a edición de Tomiño, o ciclo encarará a súa recta final en Valdoviño (A Coruña) e Esgos (Ourense).