xoves, Maio 11, 2023

A Rede española de seguridade e saúde no traballo comeza a preparar a campaña europea que se lanzará en outubro

Madrid, 11 de maio de 2023

Hoxe tivo lugar a reunión da Rede española de seguridade e saúde no traballo (RESST) na que participou, por parte do ISSGA, Encarna Sousa Rodríguez. A rede está integrada por diferentes membros tales como axentes sociais, autoridades laborais das CCAA e os seus institutos rexionais de seguridade e saúde no traballo, institucións e organismos da AGE, universidades, asociacións de técnicos de prevención e colexios profesionais e a súa finalidade é servir como instrumento para favorecer, fomentar e apoiar a cooperación e o intercambio de información e experiencias.

Na reunión abordáronse as noticias da Unión Europea, onde se continua traballando na actualización da directiva de amianto e dos valores límite de chumbo e diisocianatos, no acordo sobre teletraballo e dereito á desconexión, nas actividades con motivo do Ano europeo das capacidades, entre outras cuestións, destacando o papel de España que exercerá a Presidencia do Consello da UE no segundo semestre de 2023.

A continuación, presentouse o avance da Campaña Europea 2023-2025 “Traballos seguros e saudables na era dixital” que se iniciará en outubro deste ano e que ten como obxectivo promover o coñecemento sobre o impacto das novas tecnoloxías dixitais no traballo e os lugares de traballo e os retos e oportunidades asociados á seguridade e a saúde no traballo. A campaña estrutúrase en cinco ámbitos prioritarios: o traballo en plataformas dixitais, robótica avanzada e intelixencia artificial, o traballo a distancia, sistemas dixitais intelixentes e a xestión das persoas traballadoras mediante intelixencia artificial. Para centrar as actuacións da Rede durante o 2023 creáronse grupos de discusión para identificar sectores, colectivos, riscos, oportunidades e actividades de comunicación en relación con estas cinco temáticas.

A reunión finalizou coa presentación de diversos proxectos de investigación relacionados coa dixitalización: metodoloxías para a avaliación da calidade do traballo dixitalizado, IA para a avaliación de riscos ergonómicos, realidade virtual para a formación en PRL e aplicación do IoT á PRL.