martes, Outubro 25, 2022

O Issga participa na III Xornada Técnica de Responsabilidade Empresarial no eido da Seguridade e Saúde no sector dos áridos organizada pola Asociación Galega de Áridos, ARIGAL.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022. A xornada, que tivo lugar na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Grados en Minas e Enerxía de Galicia, titulada “A importancia da prevención fronte á inhalación do po de sílice cristalina respirable”, centrouse nas novidades lexislativas e relativas á protección dos traballadores contra o risco por inhalación de po de sílice cristalina respirable introducidas o pasado xullo de 2021 pola ITC 02.0.02, nas implicacións legais e en diferentes aspectos técnicos importantes para a protección do persoal traballador con especial mención ao uso correcto dos equipos de protección respiratoria.

Adela Quinzá-Torroja García, xerente do ISSGA, participou na sesión de apertura desta xornada, destacando as diferentes actuacións, que o Issga ven desenvolvendo dende o momento da súa creación, dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas con risco de exposición a sílice cristalina respirable. Tamén incidiu no reto que supón para as empresas e as administracións, que deben reforzar o seu labor de apoio e asesoramento, o cumprimento da nova normativa que dende o ano 2020 inclúe aos traballos con risco de exposición a sílice cristalina respirable, co seu correspondente valor límite, no Real decreto 665/1997 de axentes canceríxenos e destacou a importancia da temática da xornada que reflicte a preocupación do sector por esta problemática .

O Issga seguirá deseñando novas actuacións e dará continuidade ás xa programadas en anos anteriores, tendo como base o marco europeo de saúde e seguridade no traballo, que inclúe entre os seus obxectivos clave a prevención das enfermidades profesionais, e coa mirada posta nas futuras estratexias española e galega. Neste sentido, o grupo de traballo de Sílice cristalina, creado no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, no que están representados os axentes sociais, e as administracións e coordina o Issga, configúrase como un foro de debate que favorece a colaboración entre as partes e propón liñas de asesoramento técnico aos sectores implicados, apoio ao cumprimento da nova normativa, e transmisión do coñecemento técnico-preventivo.