
Logo da xornada técnica sobre “Seguridade na instalación e mantemento de paneis solares” que tivo lugar onte no Centro ISSGA_Pontevedra na que participaron máis de 100 persoas, hoxe tiveron lugar diversas actividades conmemorativas desta celebración:
Foro técnico de PRL_Confederación de Empresarios de Galicia
O persoal do ISSGA participou esta mañá na sesión de inauguración do Foro Técnico de PRL organizada pola Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo, en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña. Este foro pretende ser un punto de encontro para o intercambio de coñecemento, de boas prácticas, para a reflexión e o debate entre profesionais.
A subdirectora xeral técnica e de planificación, Encarna Sousa, presentou os marcos estratéxicos en materia de seguridade e saúde no traballo que son os que guiarán o traballo nos próximos anos: o marco europeo, a recentemente aprobada estratexia española, na que Galicia participou como representante das CCAA, e a actual negociación da estratexia galega. Pola súa banda, José Rega, xefe do centro da Coruña expuxo o Plan de actuación do Issga para o 2023 facendo un percorrido polas funcións de sensibilización, asesoramento técnico, formación e seguimento e control do Instituto, destacando as campañas para a mellora da prevención e redución da sinistralidade que se van a levar a cabo ao longo do ano.
Durante a xornada incidiuse nos novos riscos derivados dos cambios no mundo do traballo, como a dixitalización, a xestión da idade, etc., na prevención da exposición a canceríxenos e reprotóxicos e a necesidade de prestar especial atención á saúde mental, entre outros aspectos.
Nesta primeira sesión os participantes puideron ademais identificar necesidades, intercambiar experiencias e así crear a folla de ruta do foro.
Aula de Risco Eléctrico
Dous grupos visitaron hoxe esta aula que, ten por obxecto mellorar a formación e habilidades prácticas sobre risco eléctrico. A súa dotación de equipos e medios auxiliares permiten unha explicación práctica dos materiais e equipos utilizados nas tarefas habituais que deben realizarse na reparación e mantemento das instalacións eléctricas en alta tensión nun entorno seguro así como a simulación de sistemas de posta a terra e da arquitectura dunha rede eléctrica de media tensión e a súa posterior transformación e distribución en baixa tensión.
Escola Galega de Prevención
Un novo grupo visitou este espazo que se configúrase coma un espazo educativo específico para a introdución dos contidos sobre PRL na poboación escolar de Galicia. Busca incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido que permita inculcar condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse no futuro.