luns, Setembro 12, 2022

Lorenzana afirma que a nova estratexia galega de saúde e seguridade laboral dará resposta a riscos que emanen da transición ecolóxica, dixital e demográfica

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no 20º aniversario do servizo de prevención mancomunado da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas (Asime)
  • No acto resultou distinguida Adela Quinzá-Torroja, polo seu traballo á fronte do Instituto de Seguridade de Saúde Laboral (Issga)
  • A Xunta colabora con Asime a través dun convenio recentemente asinado polo que se destinan máis de 775.000 euros a mellorar a cualificación profesional no sector

Vigo, 12 de setembro de 2022. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de conmemoración do 20º aniversario do Servizo de Prevención Mancomunado para as Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), onde destacou a importancia da prevención para acadar un emprego de calidade. Anunciou que a nova estratexia galega que a Xunta está a perfilar no eido da seguridade e saúde no traballo dará resposta aos riscos emerxentes no proceso de transición ecolóxica e dixital do tecido produtivo, así como á realidade demográfica.

No acto resultou distinguida Adela Quinzá-Torroja como xerente do Instituto de Seguridade e Saúde (Issga), entidade adscrita á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, de quen Lorenzana destacou o seu gran labor na prevención de riscos e na mellora das condicións laborais de galegas e galegos.

O Issga, a través do seu Plan anual, está a destinar este ano máis de 6,6 millóns de euros, a accións e medidas de promoción, asesoramento técnico, formación, información, seguimento e control. A través do mesmo, estase a poñer o foco en “eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo, así como en dar soporte a todas as empresas, as administracións públicas e ao persoal ao seu servizo”, subliñou a conselleira.

“A redución da sinistralidade laboral é o primeiro paso cara un emprego de calidade”, remarcou a representante da Xunta, quen puxo como exemplo o servizo de Asime por terse convertido nestes 20 anos nun órgano técnico “capaz de dar resposta a unha realidade complexa e, desta forma, mellorar a seguridade do persoal traballador”.

Galicia participa na actualidade na negociación e elaboración da estratexia española de saúde e seguridade laboral no traballo, con encaixe no marco europeo 2021-2027. A Xunta está traballando, ademais, tal e como anunciou a conselleira, nunha nova estratexia autonómica adaptada á realidade galega. “Para isto é preciso xerar coñecemento e aprendizaxe, para anticiparnos a futuros riscos na contorna laboral e xestionar o cambio ao novo mundo do traballo que traen consigo as transicións ecolóxica, dixital e demográfica”, destacou.

A conselleira avogou, noutra orde de cousas, pola necesidade imperiosa de que a cultura preventiva se adapte aos esforzos da Axenda 2030, co fin de “garantir a seguridade e confortabilidade de toda a cidadanía”.

Formación Asime

Lorenzana puxo en valor, así mesmo, a necesidade de reorientar a formación do persoal, favorecendo a aprendizaxe conxunta e a adaptacións aos cambios en materia dixital. Un convenio recentemente firmado con Asime por 775.224 euros, permitirá, tal e como indicou, mellorar a formación das empresas asociadas e do seu capital humano.

“Isto non só suporá un mellor desenvolvemento da súa actividade, senón que logrará que os profesionais se adapten á nova realidade industrial así como unha reconversión dos empregos de maior valor engadido, contribuíndo activamente á competitividade do sector a longo prazo”, recalcou a titular de Promoción do Emprego, para quen Asime ten “o coñecemento de base para anticiparse ás necesidades futuras e á optimización progresiva da formación”, ao representar un sector, o metalmecánico, que factura máis do 20% do PIB en Galicia.