
-
Estas actuacións permiten introducir ao profesorado e alumnado de formación profesional na aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á aprendizaxe dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional
Teis (Pontevedra), 29 de xaneiro de 2020. O ISSGA participa hoxe nunha das actividades sobre imaxe persoal organizada polo IES de Teis e encadradas nas XXI Xornadas de orientación ao emprego que durante dous días están tendo lugar no dito centro educativo.
Lucía Ferrón Vidán, xefa da Sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas e Mª Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora Xeral Técnica e de Planificación, farán dúas presentacións sobre os produtos tóxicos nos cosméticos, de xeito que abordarán tanto os produtos cosméticos e a exposición a axentes químicos perigosos nos salóns de peiteado como aqueles produtos cosméticos en manicura e pedicura profesionais.
Os obxectivos principais desta acción formativa, de gran interese para o alumnado e persoal docente dos Ciclos de Estética e Beleza e Peiteado e Cosmética Capilar impartidos ambos no IES de TEIS, son os de informar dos posibles danos que a exposición a determinados axentes químicos perigosos presentes nos produtos cosméticos poden ocasionar na súa saúde e ofrecer alternativas de medidas preventivas que podemos adoptar nos locais, na selección de produtos a empregar, así como noutras medidas organizativas e hixiénicas.
Dentro das actividades de formación e información técnica que leva adiante o ISSGA destacan as de sensibilización e aprendizaxe na formación profesional desenvolvendo actuacións que introduzan ao profesorado e alumnado de formación profesional na aprendizaxe do traballo seguro, consubstancial á aprendizaxe dos contidos teóricos e prácticos da respectiva rama profesional.
Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional, evitando a adquisición de malos hábitos profesionais.
Esta acción formativa dá resposta aos obxectivos da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 de potenciar tanto as actuacións das Administracións públicas en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico en prevención de riscos laborais así como dunha formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
É fundamental promover que o alumnado de formación profesional reciba a formación en prevención de riscos laborais antes de iniciar as súas prácticas nas empresas, incluíndo contidos transversais e específicos nos distintos graos deste nivel educativo.
Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións cos centros educativos para proporcionar apoio técnico ao profesorado e promover a adquisición dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia de condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.