Campañas

Teletraballa con prevención

Campaña teletraballo

O traballo a distancia leva consigo importantes beneficios como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a redución e aforro de custos, o aumento da produtividade e racionalización de horarios, a atracción e retención do talento ou a redución do absentismo.

Con todo, tamén pode afectarlle á saúde musculoesquelética ou mental debido aos longos períodos de traballo con pantallas de visualización, o illamento, unha maior inactividade física, os límites difusos entre traballo remunerado e vida privada ou o estrés. Débense promover unhas boas prácticas preventivas, entre as que destaca a formación específica dos riscos laborais.

Ademais, a excepcional situación actual causada pola COVID-19 levou a establecer o carácter preferente do traballo a distancia e propiciou a necesidade de improvisar en moitos fogares este tipo de traballo sen os recursos, organización e soporte idóneos, polo que a xestión actual da prevención de riscos laborais debe axustarse a esta situación excepcional e toma especial importancia a necesidade de promover as boas prácticas preventivas nesta situación.

Co obxecto de que este traballo a distancia se leve a cabo dentro das mellores condicións posibles de seguridade e saúde, o ISSGA levará a cabo esta campaña de sensibilización para facilitar as recomendacións e as medidas preventivas máis apropiadas para desenvolver esta actividade.