Campañas

Prevención de riscos nas amoladoras_Non te amoles

Prevención de riscos nas amoladoras_Non te amoles

O ISSGA ten a condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de PRL que se deseñan, co consenso dos interlocutores sociais, pola Xunta de Galicia. Entre as súas funcións está a de efectuar plans e accións formación e información en relación coa seguridade e a saúde laborais.

De acordo coa análise da estatística dos accidentes laborais, os traballos relativos a uso de amoladoras na industria, especialmente nos sectores do metal e na construción son unha das actividades con maior risco de accidente e que en moitos casos ten un resultado grave. Son frecuentes os cortes e amputacións debidos ao uso desta maquinaria portátil.

Na documentación técnica elaborada para esta campaña abordamos os seguintes aspectos en relación coa seguridade no uso destas máquinas eléctricas portátiles que se utilizan como ferramentas de corte, esmerilado, lixado, cepillado, desbastado e pulido, especialmente nos traballos de metal e construción:

  • Riscos / causas de accidentes
  • Orixe dos riscos
  • Montaxe e uso de discos
  • Medidas preventivas

No Plan de actuación do ISSGA inclúense unha serie de campañas consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións a realización de campañas co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operación que se poidan considerar de actuación prioritaria. Entre elas figura, para o sector da industria e da construción, esta campaña “Non te amoles: para a PRL na utilización de corte, fresa e lixado manual: amoladoras”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas:

  1. Elaboración de documentación técnica relativa aos riscos de accidentes na utilización de amoladoras na industria e na construción. A documentación técnica comprende a elaboración dun tríptico e un cartel co obxecto de abordar accións de sensibilización.
  2.  Difusión do material, en formato dixital, a través da páxina web e outro medios dixitais así como o envío da documentación a entidades do sector, centros de formación profesional, etc.
  3. Sensibilización a través de redes sociais

Con dita planificación o ISSGA da cumprimento ás previsión da Estratexia Galega de SST 2017-2020 (prorrogada):

  • Sensibilizando sobre PRL ao empresariado e ás persoas traballadoras dos sectores da industria e da construción, atendendo ás súas características particulares, en especial á realización de traballos con amoladoras.
  • Asesorando ás empresas e persoas traballadoras para un mellor cumprimento da normativa.
  • Potenciando programas de asesoramento técnico sobre a correcta identificación e avaliación de riscos específicos, en especial sobre aqueles que poidan causar consecuencias máis graves sobre a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras e/ou precisen de maior cualificación técnica.

Obxectivo e destinatarios

  • Obxectivo: promover o coñecemento dos riscos e as medidas preventivas para un traballo seguro que permita diminuír a sinistralidade laboral no uso das amoladoras no sector da industria (especialmente en actividades de carpintería metálica, reparación de vehículos a motor e remolques, reparación de maquinaria e equipos, fabricación e colocación de elementos metálicos, acabado e colocación de pedra, construción naval) e da construción (edificación e enxeñería civil).
  • Destinatarios: persoal traballador e empresas destes sectores e centros de formación profesional que imparten contidos relacionados (especialmente das familias de: fabricación mecánica, instalacións e mantemento, transporte e mantemento de vehículos e edificación e obra civil, marítimo-pesqueira).

Difusión e soportes

A campaña consiste na presentación e difusión entre as empresas e as persoas traballadoras do sector da documentación técnica sobre prevención de riscos no uso de amoladoras.

Soportes da campaña en formato dixital

  • Tríptico en galego e castelán
  • Cartel en galego e castelán
  • Banner informativa en web
  • Imaxes para redes sociais

Distribución

A distribución realizarase polo Issga, contando coa participación da FLC, das asociacións de empresarios da construción, do metal (Asime), de talleres de reparación de vehículos, das asociacións de autónomos e das principais empresas destes sectores, que á súa vez se encargarán de difundilos entre as empresas para facelo chegar o seu persoal e as súas subcontratas.

Documentación