Campañas

Mobilización de persoas con mobilidade reducida

Mobilización de persoas con mobilidade reducida

A Xunta de Galicia fará chegar ao persoal traballador da Consellería de Política Social a documentación técnica elaborada pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

Distribuirase en 520 centros autorizados na C.A. de Galicia, tanto de titularidade pública como privada:

  • Centros de atención residencial de persoas maiores
  • Centros de atención diúrna para persoas maiores
  • Centros de día de alzhéimer

A información se distribúe en tres eixes fundamentais:

  • os principios básicos da mobilización de persoas
  • as técnicas de mobilización
  • as axudas técnicas para facilitar a mobilización

Dáse a coñecer os riscos aos que están expostos o persoal traballador, na súa maioría mulleres, nas tarefas de mobilización de persoas con mobilidade reducida.

É importante valorar o espazo e os medios dispoñibles, o estado da persoa que se vai atender, utilizar roupa e calzado axeitado ou mesmo manter unha boa forma física para evitar posible lesións.

Infórmase dos principios básicos para a mobilización de persoas que permita evitar os trastornos musculoesqueléticos derivados desta actividade, mantendo unha postura axeitada, con diferentes técnicas de mobilización segundo a situación así como as axudas técnicas que nos facilitan a dita mobilización.

Nos documentos se indica cal é a posición correcta para mobilizar ás persoas que o precisan, se dan as pautas para incorporalas na cadeira, sentalas á beira da cama e mesmo para pasalas da cama á cadeira de rodas.

Tamén se dan orientacións para elixir unha axuda adecuada e planificar a mobilización para reducir o risco de sufrir unha lesión de costas: táboas de transferencia, disco, guindastre, téxtil de transferencia, ...

A pretensión é sacar o maior proveito aos documentos técnicos elaborados polo ISSGA en formatos sinxelos e moi gráficos e que a través da rede de centros da Consellería de Política Social cheguen ao persoal que desenvolve a súa actividade neles para mellorar as súas condicións de traballo.

TME

Os TME constitúen un importante problema de saúde laboral que afecta a unha proporción significativa das persoas que traballan nos diferentes sectores produtivos.

A mobilización de pacientes constitúe un dos principais factores de risco para as lesións de costas debido á manipulación manual por tarefas de hixiene, traslados ou cambios posturais.

O persoal que realiza estas actividades ten un risco elevado de padecer TME, que se poden producir en calquera zona do corpo, pero son máis sensibles os membros superiores e as costas, en especial a zona dorsolumbar, incluíndose lumbalxias, hernias discais ou mesmo fracturas vertebrais por sobreesforzo.

A manipulación de pacientes é, en moitos casos, responsable da aparición de fatiga física así como de lesións que se poden producir ben de forma inmediata ou ben pola acumulación de pequenos traumatismos, concretándose tras realizar a mobilización de enfermos en períodos curtos e de xeito repetido.

A avaliación de riscos resultará imprescindible para xestionar o risco de manipulación manual de pacientes. Os seus obxectivos serán tanto mellorar as condicións de traballo, diminuíndo a carga biomecánica, coma implementar unha mellora da calidade asistencial. A avaliación do risco requirirá ademais dunha planificación, e constará de varias etapas, entre as que sinalaremos a identificación do problema, a estimación e avaliación do nivel de risco e a proposta das medidas preventivas axeitadas aos riscos detectados.

Entre as tarefas que supoñen unha maior accidentabilidade destacan:

  • Incorporar e rotar a un paciente na cama
  • Realizar cambios posturais e desprazamentos cara á cabeceira da cama
  • Transferir un paciente dende a cama á cadeira de rodas
  • Transferencia dende a cadeira de rodas a outros lugares
  • Pasar un paciente da cama a padiola e viceversa
  • Levantar un paciente de posición sedente a bipedestación
  • Mover camas e diverso mobiliario

 Plan de actuación ISSGA

 O Plan de actuación do ISSGA para o ano 2022 recolle varias fichas que fan referencia a estas actuacións.

Unha delas é específica para o persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar, que presenta cunhas peculiaridades que fai preciso establecer un programa específico de PRL para o mesmo, especialmente no referido á prevención de TME. Algunhas das actuación que se recollen son a seguintes:

  • Elaboración e distribución de documentación técnica coas principais medidas preventivas para evitar accidentes de traballo e enfermidades profesionais producidas por TME neste colectivo.
  • Realización, con distribución de cartelaría, dunha campaña de sensibilización para a prevención de TME no colectivo, incidindo entre outros nos riscos por manipulación manual de cargas e posturas forzadas, e información sobre as axudas técnicas existentes.
  • Análise da sinistralidade na actividade de asistencia en establecementos residenciais, cos datos publicados polo INSST .
  • Actividades para a promoción dunha formación en PRL axeitada a estes postos de traballo.
  • Campañas e actividades de información e divulgación a traballadoras e traballadores de atención a persoas dependentes no seu fogar.
  • Fomentar o asesoramento técnico, as boas prácticas e a implantación de medidas preventivas eficaces para facer prevención e evitar danos para a saúde.

Na Ficha de actividade 5.1.3 “Por colectivos e campañas de promoción” dentro do Programa de redución da sinistralidade e pertencente ao OE 5 “Promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, con especial atención a sectores, actividades, colectivos e empresas que presentan maior risco”, figura a realización de actuacións de asesoramento, información e sensibilización específicas para colectivos especialmente vulnerables, entre os que se atopan os sectores e actividades económicas feminizadas ou con alta presenza de mulleres e o persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar, xa que se considera que este colectivo presenta unha serie de peculiaridades que fai preciso establecer un programa específico para o mesmo, especialmente no referido á prevención de trastornos musculoesqueléticos

Documentación