Enfermidades profesionais en sectores feminizados anos 2009-2014


Como complemento ao estudo realizado sobre os accidentes laborais nos sectores produtivos feminizados en Galicia: Análise da sinistralidade en sectores feminizados-2011, realízase este traballo orientado ás enfermidades laborais naqueles sectores económicos con predominio das mulleres no persoal laboral.

Nas estatísticas de accidentes laborais en xornada laboral, os accidentes das traballadoras supoñen anualmente menos dun terzo do total, sendo aínda menor a proporción en canto aumenta a gravidade do accidente. En canto aos accidentes in itinere a proporción entre homes e mulleres é moito máis parella, aínda que a proporción de mulleres tamén diminúa coa gravidade dos accidentes.

En canto á evolución do persoal traballador que cotiza as continxencias profesionais, nestes últimos anos o número de homes e mulleres en Galicia case se igualou.

Nas estatísticas publicadas sobre a notificación de enfermidades profesionais en Galicia, o porcentaxes de enfermidades profesionais con baixa é superior nas mulleres, mostrando unha tendencia para aumentar lixeiramente ano a ano, mentres a porcentaxe de notificacións de enfermidades sen baixa mantense superior nos homes.

Tendo en mente o anterior realízase este estudo, no que partindo do estudo das enfermidades profesionais das mulleres, céntrase naquelas actividades económicas en que as mulleres supoñen a maioría da forza de traballo, mostrando cuantitativamente como lles afectan as condicións de traballo en forma de enfermidades profesionais.

Este estudo foi realizado por Manuel Armada Oya, xefe de sección de Seguridade do Issga.