Análise da mortalidade por accidente de traballo en Galicia. 2005-2017


Este informe amplía e complementa os datos relativos á sinistralidade laboral en Galicia que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) publica anualmente, ao recoller información detallada sobre os accidentes de traballo mortais investigados e non investigados na nosa comunidade.

O seu contido segue a estrutura do estudo anual sobre accidentes de traballo mortais que realiza o Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST).

Estes datos parten da información obtida dos partes de accidentes mortais que foron notificados á autoridade laboral galega mediante o sistema Delt@.

O estudo realízase, en primeiro lugar, sobre os accidentes de traballo mortais investigados polo equipo técnico do ISSGA, facendo unha análise agregada para o período 2005-2017 e a súa vez desagregada para tres períodos temporais: 2005-2007, 2008-2012 e 2013-2017.

A análise efectúase por períodos plurianuais co fin de agrupar un maior número de accidentes mortais que permita realizar un estudo específico sobre os accidentes e á súa vez dar a coñecer a evolución da sinistralidade laboral mortal en Galicia.

Ofrecese información sobre as causas que materializaron os accidentes mortais e outras variables que o describen, sobre o perfil das persoas traballadoras falecidas, as empresas nas que se rexistraron os accidentes e a forma en que se xestionaba a prevención.

Faise tamén unha análise dos accidentes de traballo mortais non investigados polo ISSGA no período 2005-2017, incluíndo tanto os datos dos accidentes propios (de empresas galegas) como non propios (non galegas). Aquí englóbanse os accidentes mortais por accidentes tráfico in itinere ou por desprazamento, patoloxías non traumáticas, os producidos fóra da comunidade autónoma e outros motivos que xustifican que non foran investigados polo ISSGA ao estar fóra das súas competencias.

O estudo da accidentabilidade mortal das persoas traballadoras en Galicia ofrece así información imprescindible para caracterizar os accidentes mortais acontecidos durante os últimos anos, o que permitirá deseñar e impulsar medidas específicas co fin de reducir a sinistralidade laboral e á súa vez, dar respostas e asesoramento efectivo e eficiente, tanto ás persoas traballadoras como aos empresarios galegos, para poder xestionar a prevención de riscos laborais de forma adaptada á realidade do noso territorio.