Introdución


Creado coma un instrumento de xestión da información e análise das condicións de traballo e os seus efectos sobre a seguridade e saúde laboral da poboación traballadora galega, recolle, e analiza os indicadores preventivos de maior relevancia, co obxecto de transformar a información en coñecemento, que apoie a toma de decisións en materia de prevención de riscos laborais e condicións de traballo, tanto no eido técnico-científico coma no social para orientar políticas na materia.

Obxectivos:

  • Seguimento integrado da prevención de riscos laborais.
  • Elaborar e publicar as estatísticas periódicas sobre sinistralidade.
  • Investigación e impacto dos programas públicos en prevención de riscos laborais.
  • Estruturar, manter, xestionar e difundir a información obtida.
  • Levar a cabo análises dos riscos laborais dende unha perspectiva de xénero e en relación con colectivos de traballadores especialmente sensíbeis.

A través do Observatorio Galego de condicións de traballo dáse resposta ao establecido na Estratexia Galega de seguridade e saúde no traballo 2016-2020, principalmente co obxectivo 4, liña 4.1, medida 4.1 e); obxectivo 4, liña 4.1, medida 4.1 g); obxectivo 4, liña 4.2, medida 4.2 a); obxectivo 4, liña 4.2, medida 4.2 b); obxectivo 5, liña 5.1, medida 5.1 a) da estratexia.

Estudos

Sinistralidade laboral en traballadores de 55 e máis anos. Anos 2012-2016


Neste estudo, mediante a análise dun conxunto de variables seleccionadas, coas cales se desagregan os datos dos accidentes laborais notificados, búscanse as posibles diferenzas da sinistralidade do persoal traballador dependendo da súa idade e especificamente naqueles de 55 anos e maiores.

Sinistralidade dos condutores profesionais. Anos 2012-2016


Para a realización deste estudo utilizáronse os accidentes de traballo con baixa entre os anos 2012 e 2016 descartando os accidentes ocorridos in itinere, dividíndoos en dous grandes grupos:

  • Un grupo principal que engloba a aqueles accidentes de traalladores cun código de ocupación CNO-2011, 84-Condutores de vehículos para o transporte urbano ou por estrada. Sobre este grupo móstranse os resultados de todas as variables escollidas.
  • Outro grupo co resto de accidentes declarados entre estes anos. Este grupo serve para contrastar resultados nalgunhas variables concretas.

Sinistralidade do persoal traballador por conta propia ou autónomo


Neste informe preséntanse os datos dos accidentes sufridos por traballadores por conta propia coas continxencias profesionais cubertas entre os anos 2009 e 2016 inclusive, sendo os datos deste último ano provisionais dado a data de extracción dos mesmos.