Descrición e obxectivos
DESCRICIÓN
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se configura como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais e adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo.
O Issga ten personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e dispón de patrimonio e tesouraría propios. Dentro da esfera da súa competencia, correspóndenlle as potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins.
O Issga réxese pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e se regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, modificada pola disposición derradeira primeira da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e pola disposición derradeira sexta da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, polas demais normas aplicables ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos e polas normas de desenvolvemento destes.
O ISSGA estende a súa actuación a todas as empresas e á totalidade de persoal traballador, homes e mulleres, respecto dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as administracións públicas e o persoal ao seu servizo. Na súa actuación inclúe especificamente as cooperativas de traballo asociado e as demais cooperativas en relación cos seus socios e socias de traballo.
Así mesmo levará a cabo actividades de promoción da prevención de riscos laborais en relación coas traballadoras e os traballadores por conta propia e co conxunto da poboación, prestándolles especial atención ás actividades de prevención dirixidas a pequenas e medianas empresas.
OBXECTIVOS
O obxecto do Issga é a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma, para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.
Finalidades xerais:
- Desenvolver accións de información, divulgación e formación, en materia preventiva.
- Realizar o asesoramento e o control das accións técnico-preventivas, sen prexuízo das competencias da Inspección de Traballo e Seguridade Social, dirixidas á diminución dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde das traballadoras e dos traballadores.
- Prestarlles ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas empresas, ás traballadoras e traballadores, ás administracións públicas, aos sindicatos, ás asociacións empresariais e aos demais axentes económicos e sociais asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.
- Realizar o seguimento, coordinar e promover a colaboración de accións en materia de prevención de riscos laborais dos diferentes departamentos da Administración Autonómica, así como aqueles organismos estatais e internacionais orientados aos mesmos fins.
- Fomentar a prevención de riscos laborais a través do seu tratamento como materia horizontal no ensino regrado e non regrado.
Descargas
- Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o ISSGA
- Disposicións finais sexta e sétima da Lei 14/2013, de racionalización do sector público autonómico, pola que se modifica a Lei 14/2007, de 30 de outubro, pola que se crea e regula o ISSGA
- Modificación da disposición adicional quinta da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o ISSGA (Disposición derradeira primeira da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas)
- Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se dispón o inicio de actividades do ISSGA
- Decreto 165/2014, do 11 de decembro, polo que se aproban os estatutos do ISSGA
- Disposición derradeira primeira do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, pola que se modifica o Decreto 165/2014 e engádese un novo artigo 28 bis. A unidade de referencia COVID-19