Prevención de riscos para o embarazo e lactación no sector agrario


As súas autoras son Mª Paz Eyre Vázquez, Myriam Garabito Cociña e María García Díaz, técnicas de nivel superior en prevención de riscos laborais do ISSGA.

O sector agrario na nosa comunidade autónoma ten unha serie de características e peculiaridades de seu que cómpre ter en conta á hora de realizar as tarefas.

Garantir postos de traballo seguros e saudables, exentos de risco para a reprodución, tanto para o home como para a muller, é garantir unha mellor calidade de vida e de traballo para a poboación activa actual e futura.

Os cambios fisiolóxicos e anatómicos que se producen durante o embarazo, o posparto e a lactación, así como as posibles complicacións, poden interferir na capacidade para traballar da muller. Doutra banda, as condicións de traballo nas
que desempeña a súa actividade poden repercutir na súa saúde no curso do embarazo, no futuro neno ou nena e sobre a lactación.

A prevención debe comezar mesmo antes de saber que se está embarazada; manter un bo estado de saúde previo favorece o embarazo en todas as súas etapas. É fundamental informar o médico do estado de embarazo para previr posibles danos. A formación especializada sobre os riscos do traballo e a vixilancia periódica da saúde, e específica segundo os riscos aos que estea exposta, axudan a protexer a muller e o bebé.

Aínda que a prevención das alteracións da reprodución non sería completa se non se tivese tamén en conta a saúde reprodutiva do home e da muller en idade fértil, a finalidade desta folla é proporcionarlles información sobre os riscos laborais e a prevención tanto á muller embarazada coma a aquela que dese a luz recentemente ou que estea en período de lactación, de maneira que todas realicen os seus labores de forma segura e saudable.