Folla de prevención nº 45 - Prevención dos riscos ligados aos postos de traballo en peixarías


Este documento comeza indicando os riscos para os traballadores que desenvolven a súa actividade nunha peixaría e que poden ser orixe de dano para a súa saúde. A continuación se establecen as medidas preventivas asociada ás distintas tarefas que realizan:

  • Lugar de traballo
  • Preparación do produto. Ferramentas manuais
  • Lavado e evisceración do peixe
  • Conxelación e acondicionamento do peixe

Así mesmo, tamén se fai referencia ás medidas sanitarias para a manipulación de alimentos, aos equipos de protección individual, á formación e ás enfermidades profesionais.

Ao final da publicación se lembran algunhas recomendacións que cómpre ter en conta, entre as que destacamos as seguintes:

  • Cando os traballadores/as da peixaría sufran picadas ou cortes causados polas espiñas do peixe deberán tratalos de forma inmediata, xa que poden producir feridas dolorosas e difíciles de curar.
  • Á hora de manipular o peixe fresco e os bloques de peixe conxelado, tamén deberá utilizar luvas de seguridade para evitar picadas nas mans debido ás espiñas ou bordos cortantes.
  • Á hora de amorear as caixas e bandexas de peixe, o traballador/a farao tendo en conta a súa correcta colocación de forma que o peso estea convenientemente repartido.
  • Os traballadores/as, á hora de acceder ao interior da cámara frigorífica deberán dispoñer de pezas de abrigo adecuadas como cubrecabezas, calzado e luvas illantes e calquera tipo de protección necesaria para realizar os devanditos labores con total seguridade.
  • Antes de usar unha máquina ou calquera utensilio de corte é de vital importancia coñecer o seu funcionamento e sistemas de seguridade e protección.
  • Os traballadores/as deben evitar realizar movementos repetitivos e se os fan deben introducir pausas frecuentes ou alternancia de tarefas.
  • Sobre a manipulación manual de cargas deberán efectualas con axuda mecánica, auxiliar ou ben pedindo axuda a un compañeiro.

A súa autora é María García Díaz, técnica superior de Prevención de Riscos Laborais e Enfermeira especialista en Enfermaría do Traballo do ISSGA.