Mapa do Risco Ergonómico de Galicia


Documento elaborado en colaboración con 125 empresas pertencentes a 11 sectores de actividade, e con máis de 30.000 traballadores, co obxectivo de identificar e previr os riscos asociados á carga física de traballo nas empresas galegas.

O estudo  tivo como obxectivo coñecer a poboación laboral que está exposta a factores de risco vinculados principalmente á manipulación manual de cargas, posturas forzadas, movementos repetitivos ou aplicación de forzas e mobilización de persoas e as actuacións que levan a cabo as firmas neste ámbito.

Os trastornos musculoesqueléticos son unha das enfermidades máis frecuentes no ámbito laboral. En Galicia, un 38% dos accidentes de traballo con baixa ocorridos durante a xornada laboral en 2016 debéronse a un sobreesforzo, mentres que un 67% das enfermidades profesionais que causaron baixa foron por lesións de tipo musculoesquelético.

O estudo concluíu que preto dun 80% das empresas conta con delegados en prevención e que o risco de carga física está presente sobre todo en traballos que requiren a manipulación manual de cargas. Na industria da alimentación tamén teñen presenza os riscos derivados de movementos repetitivos, ao igual que ocorre co sector de servizos de aloxamento para o factor de posturas forzadas.