Estudo hixiénico e médico-epidemiolóxico nas canteiras de lousa na provincia de Lugo


O Issga realiza estudos técnico-hixiénicos e epidemiolóxicos en explotacións mineiras e empresas de primeira transformación, con ámbito provincial e en colaboración coa autoridade mineira, competente en materia preventiva neste sector. Estes estudos abranguen tanto a análise por posto de condicións de traballo en relación coa exposición a ruido e pó, como o recoñecemento específico dos traballadores para avaliar o seu estado de saúde, e en particular, a presenza de patoloxías relacionadas con estes axentes.

Nos anos 2010 e 2011 desenvolveuse o estudo das canteiras de lousa da provincia de Lugo, e serviu de base para elaborar este documento, así como outros traballos que foron presentados no Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais (Bilbao, ORP 2012).

O estudo esténdese a seis empresas do sector da lousa, e máis concretamente aos 13 centros de traballo destas na provincia de Lugo, dos cales 5 son canteiras e 8 naves de elaboración. A maioría destes centros de traballo están emprazados nunha das tres zonas produtoras da provincia (Mondoñedo, Quiroga ou Fonsagrada). No momento no que se realizaron as visitas estas empresas empregaban a un total de 233 traballadores.