Guía de boas prácticas ISSGA. Saúde laboral no marisqueo a pé


Esta guía, que pretende ser un manual doado onde se indiquen pautas básicas para o traballo diario, é consecuencia dun traballo técnico e especializado, o “Estudo epidemiolóxico no marisqueo a pé”, realizado no 2011 polo Equipo de Medicina do Traballo do ISSGA, para o cal foi necesario realizar recoñecementos médicos individuais específicos sobre os riscos da actividade que fixeron posible chegar a uns resultados e conclusións para todo o colectivo.

É de gran valor o feito de que a información foi proporcionada por quen mellor coñece o sector: as propias mariscadoras. Relataron os seus problemas máis frecuentes, describiron as súas tarefas e a organización do seu traballo, etc., quedando para os profesionais da medicina do traballo a análise dos riscos, a identificación e diagnóstico das patoloxías e a asociación causal entre ambos os dous.

A alta participación no mencionado estudo (936 mariscadoras que supoñen o 24\% da poboación en activo en Galicia) demostra a boa acollida polo colectivo e permítenos ter as claves para abordar as patoloxías que máis prevalecen e os seus factores determinantes.