Convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación en materia de prevención de riscos laborais


O obxecto deste convenio é a participación nas actividades da EGAP do persoal dependente do ISSGA, así como a elaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador en materias da competencia das institucións asinantes daquel; actuando de forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizacionais da cada unha delas, para un mellor cumprimento dos fins de ambas as dúas partes, en beneficio da cidadanía e da sociedade galega.

As modalidades de colaboración poderán consistir en:

a)      A participación nas actividades da EGAP do persoal dependente do ISSGA, que fará a selección do referido persoal para cada actividade concreta, de conformidade co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, de 10 de xaneiro de 2008); selección que comunicará á EGAP.
b)      Realización conxunta de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación.
c)      Edición conxunta de libros, outras publicacións e documentos de traballo. Ambas as dúas institucións comprométense a remitir un exemplar das súas publicacións periódicas á Biblioteca da outra, para a súa difusión.
d)      Promover a actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos.
e)      Cantas outras sexan consideradas de interese común, dentro da competencia e dispoñibilidade das partes, en relación á actividade obxecto deste convenio.

TIPO: Convenio de colaboración

DATA DE SINATURA: 11/01/2019

VIXENCIA: O presente convenio estenderá a súa vixencia desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2019, prorrogándose de forma expresa por anualidades naturais, salvo denuncia de calquera das partes antes do seu termo, ou do termo de cada unha das prórrogas.