
Os danos a saúde dos traballadores como consecuencia de situacións derivadas do traballo, e en especial as consecuencias dos accidentes de traballo, son na actualidade motivo de especial preocupación no mundo laboral e aínda, en moitos casos, xeradoras de alarma social.
Co fín de acadar canles áxiles de colaboración e coordinación entre a autoridade laboral e o Ministerio Fiscal, co obxectivo de establecer mecanismos eficaces de investigación de accidentes de traballo, asinouse un protocolo de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Fiscalía de Galicia para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade dos traballadores e traballadoras.
A dita colaboración, en relación ás investigacións de accidentes e feitos semellantes, require a presenza inmediata no lugar dos feitos, o lugar dos accidentes, da inspección de traballo e dos órganos técnicos competentes en materia de seguridade e saúde laboral da comunidade autónoma.
En consecuencia, os técnicos dos centros de seguridade e saúde das catro provincias están en disposición de acudir, a calquera hora do día e todos os días do ano ao lugar do accidente en canto se coñeza, normalmente a través da Policía Xudicial.