
O obxecto deste acordo entre o ISSGA e ARVI é o establecemento de canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais dirixidas aos traballadores e traballadoras das actividades da pesca litoral, altura e gran altura, utilizando como principal instrumento o servizo de prevención mancomunado, por ser o órgano de asesoramento na materia que se configura como o instrumento idóneo para a promoción da prevención, e que ten como fin a mellora das condicións de vida e traballo das tripulacións e dos outros traballadores que realicen a súa actividade en terra. Farase especial fincapé nas actividades de coordinación de actividades preventivas.
O obxecto deste acordo entre o ISSGA e a FEGAMP é o establecemento de canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información e formación en prevención de riscos laborais no ámbito da administración local, así como calquera outra actividade desenvolvida en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, a redución dos riscos laborais, a investigación e fomento de novas formas de protección e promoción de estruturas eficaces de prevención.
Os danos a saúde dos traballadores como consecuencia de situacións derivadas do traballo, e en especial as consecuencias dos accidentes de traballo, son na actualidade motivo de especial preocupación no mundo laboral e aínda, en moitos casos, xeradoras de alarma social.
Co fín de acadar canles áxiles de colaboración e coordinación entre a autoridade laboral e o Ministerio Fiscal, co obxectivo de establecer mecanismos eficaces de investigación de accidentes de traballo, asinouse un protocolo de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Fiscalía de Galicia para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade dos traballadores e traballadoras.
A dita colaboración, en relación ás investigacións de accidentes e feitos semellantes, require a presenza inmediata no lugar dos feitos, o lugar dos accidentes, da inspección de traballo e dos órganos técnicos competentes en materia de seguridade e saúde laboral da comunidade autónoma.
En consecuencia, os técnicos dos centros de seguridade e saúde das catro provincias están en disposición de acudir, a calquera hora do día e todos os días do ano ao lugar do accidente en canto se coñeza, normalmente a través da Policía Xudicial.