Acordo marco de colaboración entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e a Universidade de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento de actividades de formación, investigación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde laboral
O obxecto deste acordo entre o ISSGA e a Universidade de Santiago de Compostela é o establecemento dun marco de colaboración para o desenvolvemento de actuacións de formación, divulgación e investigación en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde laboral, en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, a redución dos riscos laborais, a investigación e o fomento de novas formas de protección e promoción de estruturas eficaces de prevención.
As modalidades de colaboración poderán consistir, de forma non exhaustiva, en
a) A colaboración no desenvolvemento de actividades académicas, científicas ou doutra índole en materia de prevención de riscos laborais.
b) A cooperación na divulgación e difusión da cultura preventiva, así como nas accións de formación derivadas daquelas.
c) A realización de accións de concienciación e difusión en materia de prevención de riscos laborais.
d) Mantemento dunha información compartida, constante e actualizada, do estado e evolución das condicións de seguridade e saúde no traballo.
e) A proposición de recomendacións, solucións preventivas e elementos de divulgación e apoio técnico preventivo.
f) Intercambio de información en materia de seguridade e saúde laboral cando esta revista especial interese para a prevención de riscos laborais.
g) A cooperación e o asesoramento mutuo mediante a achega dos coñecementos e experiencias técnicas en cuestións relacionadas coas actividades que as dúas entidades decidan desenvolver en materia de seguridade e saúde laboral.
h) A participación en actividades, proxectos e programas de investigación e desenvolvemento.
i) A colaboración na edición conxunta de publicacións e documentos de traballo que de común acordo se decida desenvolver no eido da prevención de riscos laborais e saúde laboral.
j) A participación en actividades de promoción da cultura da prevención e de difusión de boas prácticas, especialmente aquelas que utilicen as novas tecnoloxías da comunicación e a información.
k) Cantas outras sexan consideradas de interese mutuo, dentro das dispoñibilidades das partes e das actividades que constitúen o obxecto do presente acordo marco.
Tipo: Acordo marco de colaboración
Data sinatura: 29 / 08 / 2016
Vixencia: O presente acordo marco estenderá a súa vixencia desde a data da sinatura por todas as partes ata o 31 de decembro de 2020, data de vixencia da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2016-2020.