Preguntas frecuentes

001. Documentación e cese de actividade.

Nun servizo de prevención mancomunado hai algunha das empresas que pertenceron ao grupo que cesaron a súa actividade. Qué teñen que facer coa documentación de prevención de riscos laborais?

A Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, no seu artigo 23 punto 2 indica que no momento de cese de actividades as empresas deberan remitir á autoridade laboral a documentación de prevención.

002. Comunicación das anotacións no libro de incidencias.

Todas as anotacións feitas no libro de incidencias deben ser comunicadas á Inspección de Traballo, ou polo contrario só se deben de comunicar os accidentes ou incidencias graves que se observan na obra?

 

Segundo os artigos 13 e 14 do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, en cada centro de traballo (deste sector) existirá cos fins de control e seguimento do plan de seguridade e saúde un libro de incidencias habilitado con ese efecto.

Deben notificarse á Inspección de Traballo e da Seguridade Social as anotacións que se fagan por calquera das circunstancias seguintes:

  1. No caso de que a anotación se refira a calquera incumprimento das advertencias ou observacións previamente anotadas no libro polas persoas facultadas para facelo.
  2. No caso de que o coordinador de seguridade e saúde durante a execución da obra constate unha situación de risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores que xustifique a paralización dos traballos ou, no seu caso, a totalidade da obra.

Ademais, haberá que ter en conta o seguinte:

  • Remitir no prazo de 24 horas unha copia á Inspección de Traballo e Seguridade Social da provincia en que se realiza a obra, no caso de que a anotación se refira a calquera incumprimento das advertencias ou observacións previamente anotadas así como no suposto de paralización dos traballos, especificándose se a anotación efectuada supón unha reiteración dunha advertencia ou observación anterior ou se, pola contra, se trata dunha nova observación.
  • Notificar as anotacións efectuadas ó contratista afectado e aos representantes dos traballadores da súa empresa.

003. Servizo de prevención mancomunado.

Qué pasos se deben seguir para formar un servizo de prevención mancomunado?

Para a constitución dun servizo de prevención mancomunado, terase en conta:
 
A. Supostos nos que procede.
 
Entre aquelas empresas que:

  • "Desenvolvan simultaneamente actividades nun mesmo centro de traballo, edificio ou centro comercial". Sempre que quede garantida a operatividade e eficacia do servizo, ou
  • "Empresas pertencentes a un mesmo sector produtivo ou grupo empresarial ou que desenvolvan as súas actividades nun polígono industrial ou área xeográfica limitada" ben por acordarse por convenio colectivo, ou pacto colectivo, ou por decisión das empresas afectadas."

 
B. Carácter:
 
Teñen a consideración de servizos de prevención propio das empresas que o constitúen.
 
C. Requisitos:

  • Previo a súa constitución, é preceptiva a consulta aos representantes legais dos traballadores de cada unha das empresas afectadas. A opinión dos traballadores non é vinculante para o empresario.
  • No acordo de constitución debe conter expresamente as condicións mínimas en que tal servizo de prevención debe desenvolverse.
  • O ámbito da actividade preventiva limitarase ás empresas participantes.

D. Constitución:
 
O Servizo de Prevención Mancomunado non está suxeito a trámites de acreditación da autoridade laboral. A súa constitución e funcionamento non contará con autorización administrativa, pero deberá someterse ao control dunha auditoría ou avaliación externa nos termos establecidos.
 
Terán a disposición da autoridade laboral a información relativa ás empresas que o constitúen e grao de participación das mesmas.
 
NOTA: Ver artigo 21 do R.D. 39/1997 sobre Regulamento dos Servizos de Prevención.

004. Listado de empresas RERA.

Onde se pode atopar un listado das empresas inscritas no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA)?

Pódese descargar o ficheiro cos datos actualizados das empresas inscritas no RERA na nosa páxina Web: http://www.issga.es, no enlace "trámites administrativos e RERA".

005. Serraduras de madeira como absorbente.

Solicítase información sobre o uso das serraduras da madeira como absorbente nos talleres de reparación de vehículos, para a limpeza dos derrames de aceite, anticonxelante, etc, que se poidan producir no transcurso do traballo dos operarios dos talleres.

As serraduras da madeira ao ser utilizadas como absorbente de aceite mineral, e este considerarse residuo tóxico e perigoso, converte o conxunto (aceite -serraduras) á súa vez en residuo tóxico e perigoso, que terá que ser xestionado de acordo coa lexislación de residuos tóxicos e perigosos (Lei 10/1998, do 21 de abril, de Residuos; Lei 10/2008 do 3 de novembro, de Residuos de Galicia; Real decreto 833/1988, de 20 de xullo e Decreto 263/98, do 10 de setembro, e demais lexislación aplicable).

Noutro orde de cousas, lembrar que se considera a mestura, serraduras impregnadas en aceite, como posible fonte de risco, xa que, como outras substancias, tales como trapos sucios de aceite/graxa, carbóns como lignito, turba, etc. son posibles fontes de combustión espontánea, polo que cómpre ter un especial coidado se se utilizan as serraduras como material absorbente.

006. Organización preventiva de empresas con menos de 5 traballadores.

Unha empresa con menos de 5 traballadores, pode facer o seu propio plan de prevención de riscos laborais sen contratar un servizo de prevención externo? Cales serían os pasos a seguir antes de facer dito plan? ¿Hai que rexistrarse no ISSGA?

Segundo a lexislación sobre seguridade e saúde no traballo, as empresas deben dispoñer dos recursos necesarios para desenvolver as actividades preventivas en relación coa seguridade e saúde dos seus traballadores.
 
Existen diferentes modalidades ás cales se pode acoller unha empresa, en función da súa actividade e/ ou número de traballadores. Neste caso, pregúntase por empresas de menos de cinco traballadores, pero non se especifica actividade.
 
En empresas de menos de seis traballadores, existen as seguintes posibilidades:
 
a. En caso de que as actividades da empresa non estean incluídas no anexo I do R.D. 39/1997 sobre Regulamento dos Servizos de Prevención, poderá o empresario desenvolver persoalmente a actividade de prevención ( agás o relativo a vixilancia da saúde), sempre que teña a capacidade correspondente ás funcións preventivas que vaia desenvolver. Deberá dispoñer dunha formación como técnico en prevención para poder realizar un plan de prevención de riscos (avaliar riscos, planificar, etc). Tamén deberá desenvolver de forma habitual a súa actividade no centro de traballo.
 
Neste caso, de menos de seis traballadores, a empresa podería optar por designar a un ou varios traballadores para encargarse da actividade preventiva, sempre que os traballadores dispoñan da capacidade correspondente para realizar o plan de prevención de riscos.

  • O plan de prevención de riscos laborais elaborado pola modalidade preventiva que elixamos, non hai que rexistralo. É necesario telo na empresa a disposición da autoridade laboral, sanitaria e representantes dos traballadores.
  • A ELABORACIÓN do plan de prevención de riscos laborais é unha "actividade especializada" que corresponde aos recursos técnicos de que dispoña ou contrate a empresa.
  • A IMPLANTACIÓN do plan de prevención é unha "actividade integrada" que consiste en executar o contido do plan nas actividades que se desenvolvan na empresa e a todos os niveis xerárquicos da mesma.
  •  

b. Se a empresa está incluída no Anexo I do R.D. 39/97, independentemente do número de traballadores que teña, o empresario non poderá facerse cargo da prevención de riscos.
 
Para maior información ver : art.16-30-31 da Lei de Prevención de Riscos Laborais Lei 31/95. e os art. 10-11-12-13 do R.D. 39/1997 sobre Regulamento de Servizos de Prevención.

007. Sinatura do plan de seguridade e saúde.

Quen ten que asinar o plan de seguridade e saúde? É obrigatorio que o asine un técnico superior en prevención de riscos laborais?

En aplicación do Art. 7 do R.D. 1627/1997 polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, o Plan de seguridade e saúde deberá ser elaborado por cada contratista, en aplicación do Estudo de seguridade e saúde ou, no seu caso, do Estudo Básico da obra e en función do seu propio sistema de execución de obra, polo tanto:

  • É responsabilidade de cada contratista a elaboración do mesmo e poderá realizalo co propio persoal da empresa ou recorrer a calquera empresa ou persoa externa á mesma para a súa realización.
  • Sendo unha responsabilidade da empresa, debe ser un representante da mesma quen o asine ou calquera persoa polo mesmo delegada.
  • A aprobación do Plan polo coordinador de seguridade e saúde en execución de obra ou no seu defecto a dirección facultativa, ou Administración (no caso de obra contratada coa Administración pública) dálle a suficiente validez legal

008. Designación de delegados de prevención.

Quen pode ser elixido como delegado de prevención? Son designados polo empresario ou quen ten que facelo?

En relación á súa pregunta, fanse as seguintes consideracións:

  • Os delegados de prevención son os representantes dos traballadores con funcións especificas en prevención de riscos laborais.
  • Non son nomeados/ designados polo empresario.
  • Son designados por, e entre, os representantes de persoal agás que en convenio se estableza outro sistema.
  • Nas empresas de menos de 6 traballadores, non terán delegado de prevención porque non existen delegados de persoal.
  • No suposto de empresas de ata 30 traballadores, o delegado de persoal será o delegado de prevención. Non será necesario a designación específica.
  • O delegado de persoal ten competencias e debe exercer un labor de vixilancia e control de condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo da empresa.
  •  

Para maior aclaración:
 
a. Texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores B.O.E. 29/3/95.
b. Art. 34 a 40 da Lei de Prevención de Riscos Laborais 31/1995.

009. Produtos químicos e traballadores de ETT.

As persoas contratadas a través de ETT poderían traballar en fábricas nas que hai presentes produtos químicos corrosivos, inflamables e mesmo algún canceríxeno, aínda que non exista un contacto directo con eles, agás os que poida haber en casos puntuais de fugas ou descargas? E, existindo na mesma fábrica zonas declaradas como zonas ATEX?

Segundo o RD 216/1999, do 5 de febreiro, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo no ámbito das empresas de traballo temporal, podemos ler:
 
Artigo 8. Actividades e traballos de especial perigosidade.
 
De conformidade co disposto no artigo 8 parágrafo b), da Lei 14/1994 do 1 de xuño, polo que se regulan as empresas de traballo temporal, non se poderán asinar contratos de posta a disposición para a realización dos seguintes traballos en actividades de especial perigosidade:
 
e) Traballos directamente relacionados coa fabricación, manipulación e utilización de explosivos, incluídos os artigos pirotécnicos e outros obxectos ou instrumentos que conteñan explosivos, regulados polo Regulamento de explosivos, aprobado polo Real Decreto 230/1998, do 16 de febreiro.
 
g) Traballos que impliquen a exposición a axentes canceríxenos, mutaxénicos ou tóxicos para a reprodución, de primeira e segunda categoría, segundo o Real Decreto 363/1995, do 10 de marzo, que aproba o Regulamento sobre notificación de substancias novas e a clasificación, envasado e etiquetado de substancias perigosas, e o Real Decreto 1078/1993, do 2 de xullo, sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos, e as súas respectivas normas de desenvolvemento e de Adaptación ao progreso técnico.
 
Polo cal se o traballador contratado vai estar exposto a un axente canceríxeno (C1 ou C2) ou a manipular explosivos, non pode realizarse o contrato a través dunha ETT, isto determínase por parte da empresa contratante na súa avaliación de riscos, na cal veñen definidos os riscos inherentes ao posto de traballo.
 
Esta prohibición refírese a traballadores expostos, se na avaliación de riscos por parte da empresa non se considera que haxa exposición, pódese contratar.
 
Os riscos aos que está sometido un traballador débeos identificar e avaliar a empresa contratante, desta avaliación determinarase o grao de perigosidade, para o que se terá en conta: a cantidade de axente á que está exposto o traballador e o tempo de exposición deste ao devandito axente. Polo que se nunha empresa existen substancias químicas perigosas o que se debe facer é avaliar o posible risco, desta avaliación é de onde se deduce se existe perigo ou non e as medidas a adoptar no seu caso.

010. Empresa de limpeza e plan de seguridade e saúde.

No caso dunha empresa que se dedica a facer limpeza de edificios de obra antes de ser entregados os pisos aos seus propietarios, é necesario elaborar un plan de seguridade e saúde da fase de obra/ limpeza da edificación? Dita empresa é contratada polo promotor para levar a cabo as tarefas de limpeza.

Estando recollido no Anexo I do R.D. 1627/1997, apartado I, a actividade de pintura e limpeza de edificios como actividade de construción, considérase que está sometida ás mesmas obrigas que calquera outra actividade construtiva respecto do R.D. mencionado anteriormente.
 
Polo tanto, se a empresa é contratada directamente polo promotor, a súa consideración consonte o R.D. é a de contratista e como tal deberá realizar o correspondente Plan de seguridade e saúde en todas aquelas obras maiores (entendendo como obras maiores ás que se lle require para a súa autorización a elaboración dun proxecto técnico).

011. Formación de coordinadores de seguridade e saúde en obras de construción.

Pódese realizar a actividade de coordinación para obras sen ter a formación preventiva especializada como coordinador/a nin inscribirse no Rexistro de coordinadores en materia de seguridade e saúde laboral da comunidade autónoma galega?

Si, pódense realizar actividades de coordinación conforme ao RD 1627/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, sen ter feito o curso nin estar rexistrado sempre que se cumpran os requisitos da Lei 38/1999 do 5 de novembro, de Ordenación da Edificación, LOE.
 
Non obstante, a guía técnica do INSHT do RD 1627/1997 recomenda a formación en prevención de riscos laborais co contido do anexo da formación mínima de 200 h., para o exercicio nas súas competencias dos facultativos designados en tarefas de coordinación.
 
A normativa da comunidade autónoma galega refírese á inscrición con CARÁCTER VOLUNTARIO de coordinadores, se previamente efectuaron algún curso, co contido da guía técnica do INSHT, e presencial, co fin da súa promoción na comunidade autónoma galega.
 
A normativa autonómica de referencia é o Decreto 153/2008, de 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, e a Orde 12 de marzo de 2009, pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

012. Libro de subcontratación.

Debe quedar constancia no Libro de Subcontratación da entrega do plan de seguridade e saúde ás empresas subcontratadas?

Segundo o artigo 8 da Lei 32/2006, de 18 de outubro, reguladora da subcontratación no Sector da Construción, en toda obra de construción cada contratista deberá dispor dun Libro de Subcontratación que deberá permanecer en todo momento na obra. Deberanse reflectir por orde cronolóxico dende o comezo dos traballos, todas e cada unha das subcontratacións realizadas nunha determinada obra con empresas subcontratistas e traballadores autónomos, o seu nivel de subcontratación e empresa comitente, o obxecto do contrato, a identificación da persoa que exerce as facultades de organización e dirección de cada subcontratista e, no seu caso, dos representantes legais dos traballadores da mesa, as respectivas datas de entrega da parte do plan de seguridade e a saúde que afecte a cada empresa subcontratista e traballador autónomo, así como as instrucións elaboradas polo Coordinador de Seguridade e Saúde para marcar a dinámica e desenvolvemento do procedemento de coordinación establecido, e as anotacións efectuadas pola dirección facultativa sobre a súa aprobación de cada subcontratación excepcional das previstas no artigo 5.3 desta Lei.
 
Por outra banda o R.D. 1627/1997, de 24 de outubro, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, establece no seu artigo 11 apartado b que é obrigación dos contratistas e subcontratistas cumprir e facer cumprir ao seu persoal o establecido no plan de seguridade e saúde.
 
Así a Guía Técnica do INSHT ao respecto indica que cada contratista, antes do comezo dos traballos, deberá facer entrega, a cada subcontratista co que contratou, daquela parte do plan de seguridade e saúde relativa aos traballos que estes van a desenvolver na obra, así como dos aspectos xerais da mesma no seu conxunto, deixando constancia documentada deste feito.

013. Formación e servizos de prevención propios.

Pode un servizo de prevención propio (SPP) impartir a formación correspondente aos cursos básicos de prevención (cursos de 50 horas) que recolle o Regulamento dos Servizos de Prevención ou só se pode realizar esta formación a través dunha entidade formativa homologada pola comunidade autónoma?

A Lei de Prevención de Riscos Laborais no seu artigo 19 indica que a formación dos traballadores, a impartirá a empresa por medios propios ou concertándoa con servizos alleos. No seu artigo 31 "Servizos de Prevención" indica no seu apartado 3 que: Os Servizos de Prevención deberán estar en condicións de proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de risco nela existentes e citando expresamente, a información e formación dos traballadores.
 
O R.D. 39/1997 no seu artigo 19 ao falar das funcións dos Servizos de Prevención indica expresamente que deberán asumir directamente o desenvolvemento das funcións indicadas no artigo 31 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, entre as que se encontra a da formación.
 
Este mesmo R.D. indica no seu artigo 35 que na formación de nivel básico, a súa certificación será emitida por un Servizo de Prevención ou entidade pública ou privada con capacidade para desenvolver actividades formativas específicas.
 
Polo tanto o Servizo de Prevención concertado pola empresa poderá certificar a formación impartida.

014. Equipo de protección individual dun pintor.

Cales son as características dos equipos de protección individual (EPI) que debería de levar un pintor, a pesar de ser a pintura á auga, xa que ten que raspillar as paredes exteriores e teitos?

As pinturas á auga son máis inocuas que as pinturas tradicionais xa que a base disolvente é a auga no canto dun disolvente orgánico.
 
Para a selección dos equipos de protección individual (EPI) deberase consultar en primeiro lugar a etiqueta e a ficha de seguridade do produtoque se vai a aplicar, posto que aínda que esta sexa á auga pode levar un axente químico perigoso formando parte das tinguiduras, pigmentos, aglutinantes, etc.
 
EPI respiratorios:
 
Si se recoñece risco por inhalación de axentes químicos perigosos poderíase utilizar:
 
A) GASES E VAPORES
 
A.1) Máscara ou semimáscara (adaptador facial) dotada de filtro:
 
Tipos de filtro    -    Contaminante a reter                                            
 A                          -    Contra gases e vapores orgánicos con P.E. > 65 ºC  
 AX                       -    Contra gases e vapores orgánicos con P.E. < 65 ºC  
 SX                       -    Contra gases e vapores específicos                         
 B                          -    Contra gases e vapores inorgánicos                        
 E                          -    Contra dióxido de xofre e vapores ácidos ácidos               
 K                          -    Contra amoníaco e derivados orgánicos do amoníaco
 
Ademais, haberá que seleccionar a Clase 1, 2 ou 3 mais axeitada (a clase refírese á eficacia da retención de gases ou vapores).
 
O empresario valorará cal sería a eficacia recomendada atendendo ao tipo de traballo, a natureza do produto e a concentración previsible do mesmo no aire. En caso de dúbidas deberase utilizar a de maior eficacia que se corresponde coa Clase 3.
 
A.2) Outra opción pode ser utilizar unha máscara autofiltrante desbotable de Tipo FFA, FFB, etc. Neste tipo de máscaras todo o material que conforma a máscara é material filtrante. Tamén se dispón no mercado de tres clases segundo o grado de protección desexado.
 
B) PARTÍCULAS
 
Se da ficha de seguridade se desprende que non é preciso tomar medidas preventivas específicas para a aplicación da pintura teremos que fixarnos noutros riscos propios do traballo como pode ser neste caso a xeración de po ou partículas durante o raspillado da parede. No caso de que se produza material particulado evitarase a súa inhalación utilizando máscaras autofiltrantes desbotables para partículas Tipo FFP. Decantarémonos por unha clase 1, 2 ou 3 segundo a toxicidade/perigosidade e rango granulométrico das partículas.
 
C) GASES E VAPORES + PARTÍCULAS
 
Se se quere utilizar un único EPI respiratorio que cubra os riscos fronte a partículas e vapores orgánicos pódese recorrer a unha máscara autofiltrante mixta Tipo FFAP, FFBP, etc., ou ben unha máscara/semimáscara dotada con filtro mixto para gases e vapores e partículas.
 
Nota: Información do fabricante sobre as esixencias esenciais de seguridade e saúde para os filtros:
Os folletos que acompañan aos filtros deberán indicar polo menos o seguinte:
Nome do fabricante, marca comercial ou calquera outro medio de identificación. O número e data da norma pola cal se especifican as características de fabricación e certificación da mesma. A marca CE acompañada do Organismo Notificado que realizou o último control de calidade da fabricación. Tipo, Clase, código de color, e particularidades de uso. A frase "ver información do fabricante". Condicións de temperatura e humidade para o seu almacenamento, ano e mes de caducidade. Nos filtros combinados, a dirección de circulación do aire dentro do filtro, sempre que no seu acoplamento poida xurdir algunha dúbida.
 
Normas EN aplicables para este tipo de Equipos de Protección Individual:

  • UNE-EN133:2002. Equipos de protección respiratoria. Clasificación
  • UNE-EN140:1999. Equipos de protección respiratoria. Medias máscaras e cuartos de máscara. Requisitos, ensaios, marcado.
  • UNE-EN 141: 2000. Equipos de protección respiratoria. Filtros contra gases y filtros mixtos. Requisitos, ensaios, marcado.
  • UNE-EN143:2001. Equipos de protección respiratoria. Filtros contra partículas. Requisitos, ensaios, marcado.
  • UNE-EN143:2001/A1:2006. Complementa e modifica a norma UNE-EN 143:2001.
  • UNE-EN149:2001. Dispositivos de protección respiratoria. Medias máscaras filtrantes de protección contra partículas.Requisitos, ensaios, marcado.

 
Outros EPI:
 
Durante o raspillado haberá que utilizar gafas para protexerse de posibles proxeccións de partículas ou pintura. Éstas pódense substituír por unha pantalla facial, ámbolos dous que dispoñan de marcado CE. Posto que non é previsible que se produzan riscos por radiacións, etc., considérase suficiente a utilización dunhas gafas de montura universal ou gafa integral (UNE-EN 166).
 
No caso dos guantes, estudarase si existe a posibilidade dun risco por presenza de axentes químicos perigosos na composición da pintura, tal e como se fixo ao falar do EPI respiratorio. Se na ficha de seguridade non se expresa a necesidade de utilización de guantes ou da existencia de riscos por contactos, bastará utilizar uns guantes contra riscos mecánicos (UNE-EN 388), de ser doutro xeito utilizaríase un guante de protección fronte a riscos químicos (UNE-EN 374 - 1,2,3).
 
Nota: O folleto indicará a descrición e composición do guante, a talla, o mantemento recomendado, o nivel de protección segundo as Normas Europeas, o marcado CE, o número do Organismo Notificado, e as exclusións de uso.
 
Teranse en conta ademais riscos derivados da situación do pintor como por exemplo traballos en altura (estadas, escadas, etc.) podendo ser preciso utilizar cascos, arnés, etc.
 
Para mais información ver o Real decreto 773/1997, de 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipos de protección individual e a guía técnica para a avaliación e prevención dos riscos para a utilización polos traballadores no traballo dos equipos de protección individual, publicada polo Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo.

015. Lactación e radiación ionizante.

En relación co R.D. 783/2001, de 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes, dado que no artigo 10, punto 2, se indica que, "desde o momento en que unha muller, que se encontre en período de lactación, informe do seu estado ao titular da práctica, non se lle asignarán traballos que supoñan un risco significativo de contaminación radiactiva."
 
É este Real decreto de aplicación a empresas do ámbito sanitario? E, cales son os niveis de contaminación radioactiva que se considera un risco significativo para mulleres en período de lactación natural?

O Real Decreto 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes ten por obxecto establecer as normas relativas á protección dos traballadores e dos membros do público contra os riscos que resultan das radiacións ionizantes, de acordo coa Lei 25/1964, do 29 de abril, sobre Enerxía Nuclear.
 
O Real decreto 298/2009, do 6 de marzo, modifica o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención, en relación coa aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde no traballo da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación, traspón os anexos I e II da Directiva 92/85/CEE do Consello, do 19 de outubro de 1992, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde no traballo da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación. Introduce outras modificacións entre as que cabe destacar o artigo 4 acerca do contido xeral da avaliación: a avaliación inicial dos riscos que non puidesen evitarse deberá estenderse a cada un dos postos de traballo da empresa en que concorran os devanditos riscos. Para iso, teranse en conta:

  • As condicións de traballo existentes ou previstas, tal como quedan definidas no apartado 7º do artigo 4 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.
  • A posibilidade de que o traballador que o ocupe ou vaia ocupalo sexa especialmente sensible, polas súas características persoais ou estado biolóxico coñecido, a algunha das devanditas condicións.

 
En particular, para os efectos do disposto sobre a avaliación de riscos no artigo 26.1 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, o anexo VII deste real decreto inclúe unha lista non exhaustiva de axentes, procedementos e condicións de traballo que poden influír negativamente na saúde das traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural, do feto ou do neno durante o período de lactación natural, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico de exposición.
 
En todo caso, a traballadora embarazada non poderá realizar actividades que supoñan risco de exposición aos axentes ou condicións de traballo incluídos na lista non exhaustiva da parte A do anexo VIII, cando, de acordo coas conclusións obtidas da avaliación de riscos, iso poida poñer en perigo a súa seguridade ou a súa saúde ou a do feto.
 
Igualmente a traballadora en período de lactación non poderá realizar actividades que supoñan o risco dunha exposición aos axentes ou condicións de traballo enumerados na lista non exhaustiva do anexo VIII, parte B, cando da avaliación se desprenda que iso poida poñer en perigo a súa seguridade ou a súa saúde ou a do neno durante o período de lactación natural.
 
Nos casos previstos neste parágrafo, adoptaranse as medidas previstas no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, co fin de evitar a exposición aos riscos indicados. É dicir, cambio de posto e adaptación do mesmo. Engadido por Real decreto 298/2009.
 
ANEXO VII
 
Lista non exhaustiva de axentes, procedementos e condicións de traballo que poden influír negativamente na saúde das traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural, do feto ou do neno durante o período de lactación natural.
 

A. Axentes.

1. Axentes físicos, cando se considere que poidan implicar lesións fetais ou provocar un desprendemento da placenta, en particular:

  • a) Choques, vibracións ou movementos.
  • b) Manipulación manual de cargas pesadas que supoñan riscos, en particular dorsolumbares.
  • c) Ruído.
  • d) Radiacións non ionizantes.
  • e) Frío e calor extremos.
  • f) Movementos e posturas, desprazamentos, tanto no interior coma no exterior do centro de traballo, fatiga mental e física e outras cargas físicas vinculadas á actividade da traballadora embarazada, que dese a luz ou en período de lactación.

ANEXO VIII

Lista non exhaustiva de axentes e condicións de traballo aos cales non poderá haber risco de exposición por parte de traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural.

A. Traballadoras embarazadas.

1. Axentes.

  • Axentes físicos:
  • Radiacións ionizantes.

O risco de exposición virá definido pola avaliación de riscos tendo en conta a clasificación da zona de traballo (artigo 17 do RD 783/2001) e da clasificación da traballadora profesionalmente exposta (artigo 20 do RD 783/2001).

016. Recurso preventivo.

O recurso preventivo ten que estar presente no centro de traballo? Pode a empresa nomear un mesmo recurso preventivo para varias actividades ao mesmo tempo? Onde debe constar o nomeamento do recurso preventivo?

O RD. 604/2006, do 19 de maio, que modifica o RD. 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención, engade ao mesmo un artigo 22 bis, que no seu apartado 1 indica os casos en que se fará necesaria a presenza no centro de traballo dos recursos preventivo, presenza que se debe considerar como unha medida preventiva complementaria, e que terá como finalidade vixiar o cumprimento das actividades preventivas en relación cos riscos derivados da situación que determine a súa necesidade para conseguir un axeitado control destes.
 
O mesmo artigo mencionado, no seu apartado 2, sinala que a identificación dos riscos, situacións, traballos ou tarefas integrantes do posto de traballo que fan necesaria a presenza dos recursos preventivos levarase a cabo pola avaliación de riscos laborais, inicial ou sucesiva, e a forma de levar a cabo a presenza dos recursos preventivos quedará determinada na planificación da actividade preventiva da empresa referida nos sucesivos artigo 8 e 9 do real decreto, debendo ser levada a cabo, a devandita presenza, por calquera das persoas previstas nos apartados 2 e 4 do artigo 32 bis da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, nunha situación segura, que non supoña factor extra de risco para eles nin para o resto de traballadores, e que permita o cumprimento das súas funcións propias, "debendo permanecer no centro de traballo durante o tempo que se manteña a situación que determine a súa presenza", debendo ter a capacidade suficiente, medios apropiados para levar a cabo a súa tarefa e ser suficientes en número para vixiar o cumprimento das actividades preventivas.
 
Serán, de igual xeito, a avaliación de riscos e a conseguinte planificación preventiva da empresa, ou o plan de seguridade no caso das obras de construción, as que, ademais de establecer a forma en que se debe levar a cabo a presenza dos recursos preventivos, as que deban especificar os que van ser os recursos preventivos e a formación e capacitación con que deben contar, que se encontrará condicionada pola natureza e gravidade do risco que se trate de controlar.
 
O determinado no artigo 22 bis non será óbice para a necesaria execución de medidas preventivas específicas obrigatorias que poidan derivarse da execución de determinadas actividades, procesos, operacións ou traballos que sen carácter exclusivo se indican no apartado 8 do mencionado artigo.