A Xunta deseñará no seo do diálogo social unha nova estratexia de prevención e saúde laboral que dará resposta aos riscos emerxentes e tradicionais


  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela no congreso internacional Dixitalización, cultura e saúde no traballo organizado pola Fundación ORP.
  • Puxo en valor o traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) que inviste este ano no seu Plan de actuación máis de 6,6 millóns de euros para a prevención, entre outros, dos riscos psicosociais e para a promoción da saúde física e mental e a igualdade e perspectiva de xénero
  • Avoga por continuar traballando unidos para fomentar en Galicia un traballo decente e fomentar un entorno laboral seguro e sen riscos
  • Galicia, xunto a Cantabria, representa ao resto de comunidades na negociación da estratexia a nivel nacional en materia de prevención de riscos laborais

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe en Santiago de Compostela que a Xunta deseñará no seo do Diálogo Social unha nova Estratexia galega de prevención e saúde laboral que dará resposta aos riscos existentes e emerxentes da comunidade. Sinalou que o documento asegurará dereitos esenciais como a igualdade e a conciliación e terá en conta os novos desafíos aos que se enfronta o mercado laboral, tanto en materia de prevención de riscos laborais como de seguridade e saúde no traballo.

Na clausura do congreso internacional Santiago, final do Camiño: dixitalización, cultura e saúde no traballo, organizado pola Fundación ORP, destacou que a transformación dixital é xa unha realidade que ten que abordarse desde o punto do vista da prevención de riscos no traballo. Apuntou a necesidade de identificar, previr e mitigar os novos riscos laborais que están xurdindo, tal e como está a facer o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que, a través do seu Plan de actuación para 2022, está a investir 6,6 millóns de euros para previr, entre outros, os riscos psicosociais e para promover a saúde física e mental e a igualdade e a perspectiva de xénero no ámbito laboral.

Lorenzana referiuse na súa intervención a que a Estratexia galega que está por definir irá en liña co marco estratéxico da Unión Europea (UE) en materia de seguridade e saúde no traballo 2021-2027, un documento que inclúe tres obxectivos centrais: xestionar os novos retos que traen consigo as transicións ecolóxicas, dixitais e demográficas; mellorar a prevención de accidentes co propósito de minimizar as mortes no traballo; e prepararse para responder a novas crises sanitarias.

A conselleira, ademais, lembrou que en paralelo a esta normativa europea, desde setembro de 2021 estase traballando nunha estratexia a nivel nacional en materia de prevención de riscos laborais, unha planificación na que Galicia, xunto con Cantabria, representa ao resto de comunidades autónomas na negociación.

Para rematar, a conselleira animou a seguir traballando da man para fomentar un traballo decente e un entorno laboral seguro e sen riscos en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidades co vixencia desde 2015 e co foco posto no ano 2030.