A Xunta destina 1,5M€ para impulsar a prevención de riscos laborais mediante actividades de formación


  • O Goberno galego abre mañá unha nova convocatoria para que asociacións empresariais, organizacións sindicais, fundacións sectoriais e asociacións de autónomos dispoñan de axudas para organizar cursos e divulgar a cultura preventiva
  • Poden optar a apoios de ata 15.000 euros para realizar estudos sectoriais e de 1.500 para a celebración de xornadas divulgativas
  • O estrés, o traballo por quendas ou os riscos laborais psicosociais, temas nos que poderán incidir as diferentes iniciativas
  • A Xunta outorgará maior puntuación ás entidades máis paritarias, con cadros de persoal estables e que integren a perspectiva de xénero no eido da prevención

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria da Consellería de Emprego e Igualdade coa que se destinarán 1,5 millóns de euros para promover a prevención de riscos laborais na comunidade. O orzamento permitirá a posta en marcha, por parte das entidades asociativas, de accións de formación, sensibilización e asesoramento neste eido.

O programa está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos.

A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 1 millón de euros, está destinada a actividades de formación, asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos de carácter intersectorial. O segundo programa, cun orzamento de 490.000 euros, promoverá cursos e xornadas que incidan en sectores específicos.

A Xunta apoia así a consolidación das funcións dos gabinetes técnicos de prevención de riscos laborais. Ademais promove a celebración de cursos e xornadas formativas de carácter intersectorial sobre temáticas como o estrés, os riscos psicosociais no eido laboral, a prevención e actuación ante a violencia verbal, entre outras. No eido sectorial, apoiaranse os estudos sobre os efectos da turnicidade e o traballo nocturno na saúde laboral no sector sanitario, a análise socio-ergonómica cunha perspectiva de xénero da agricultura galega ou a avaliación dos efectos psicosociais da pandemia en sectores como o mar e alimentario.

Na resolución da convocatoria, a Xunta outorgará maior puntuación ás entidades atendendo a criterios de paridade nos seus cadros de persoal, á estabilidade no emprego e outras medidas de carácter social como a activación de actuacións preventivas en poboación traballadora de máis de 55 anos e a inclusión da perspectiva de xénero nas mesmas.
 
As entidades beneficiarias poderán optar a axudas de ata 15.000 euros para a realización de estudos, de ata 1.500 para a celebración de xornadas, e dun máximo de 200€ por hora para a celebración dos cursos. As actividades que reciban financiación deberán celebrarse este ano e ata o próximo 31 de novembro de 2022. En 2021, máis de 30 entidades resultaron beneficiarias.

As entidades interesadas poden presentarse á convocatoria, que hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), desde maña e ata o próximo 28 de febreiro.