A Xunta ultima o deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027


  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe a comisión interdepartamental da igualdade na que se informou sobre os avances deste documento
  • López Abella destaca que a igualdade sitúase como obxectivo transversal de todas as actuacións da Xunta e sinala que os orzamentos de Emprego e Igualdade reforzan a loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade laboral

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe a comisión interdepartamental da Igualdade, que se celebra segundo o establecido no Decreto 157/2012 , do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación. Na xuntanza informouse sobre o deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 que a Xunta está ultimando e conta coa colaboración de todos os departamentos autonómicos.

Este Plan estratéxico sumarase ás ferramentas coas que xa conta o Goberno galego para velar pola igualdade de oportunidades na Administración Autonómica e aos instrumentos para reducir as desigualdades e loitar contra elas. Este documento xunto co Plan de conciliación e corresponsabilidade configúranse como as principais políticas públicas para avanzar na igualdade, así como as numerosas axudas e recursos públicos que a Xunta pon a disposición dos galegos e galegas ou o protocolo contra o acoso laboral e outras discriminacións no traballo, entre outros.

A igualdade sitúase como obxectivo transversal de todas as actuacións da Xunta de Galicia. Este principio está presente, entre outros, na loita decidida contra a violencia de xénero -que viu este ano incrementado o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros-, na promoción da igualdade -13,6 millóns en 2022- e mesmo nun programa específico, o Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros para apoiar a formación e o impulso do talento feminino na comunidade.

No caso da loita contra a violencia de xénero, na xuntanza celebrada hoxe tamén se deu traslado do labor conxunto que está a facer a Xunta para desenvolver as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, así como doutras accións en materia de sensibilización, prevención e intervención contra a violencia machista que se levan a cabo en coordinación e colaboración con outros departamentos autonómicos.